Introdución e obxectivos
A Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega organiza, co patrocinio do Instituto de Estudos do Territorio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, o workshop internacional “Parque arqueolóxico do Castro de Elviña” no marco das súas actividades co obxectivo de promover o estudo, a investigación, a formación, a difusión e o intercambio de coñecementos, e a sensibilización e concienciación da sociedade en materia de paisaxe.
O obxectivo do Workshop “Parque Arqueolóxico do Castro de Elviña”, que terá lugar na Fundación Juana de Vega do 12 ao 16 de novembro de 2018, supón o estudo integral do Castro de Elviña e da súa contorna co fin de analizar o seu estado actual desde unha óptica múltiple, e facer un diagnóstico xeral incluíndo a súa evolución territorial e produtiva, e a súa conectividade cos asentamentos próximos e coa cidade da Coruña. A elección do Castro de Elviña para este traballo vén determinado pola importancia que representa na historia da cidade e o seu ámbito territorial, sobradamente avalado polos numerosos e importantes achados atopados nas escavacións nel realizadas.
Unha vez establecido un diagnóstico do Castro de Elviña e a súa contorna, preténdense desenvolver distintas propostas encamiñadas á súa mellora integral e ao deseño dun parque arqueolóxico, co fin de potenciar o seu valor patrimonial e paisaxístico e a necesidade da súa integración no territorio como ben cultural fundamental á hora de entender e divulgar os valores históricos e a riqueza da área da Coruña sen esquecer ás persoas que habitan na súa contorna próxima, así como a súa conectividade coa cidade da Coruña.
Para iso, contarase con expertos de diferentes campos técnico-científico, que inclúen a arqueoloxía, a historia, o paleoambiente, a enxeñería, a arquitectura da paisaxe, a botánica e a socioloxía que expoñerán e guiarán aos participantes en aspectos tan variados como a historia do lugar e a súa evolución, a proposta dun plan director, as escavacións realizadas e a realizar, así como os seus valores ambientais e a súa potencialidade cultural, económica, social e paisaxística.
Participantes
Para o desenvolvemento do workshop contarase con D. Luís Ribeiro da Universidade de Lisboa e Doutor en Arquitectura da Paisaxe pola Universidade de Amherst e experto internacional en proxectos de paisaxe, que dirixirá o taller e a organización dos traballos a desenvolver.
Participarán os expertos Gianfranco Gazzetti, licenciado en literatura antiga e especialista en arqueoloxía pola Universidade de "A Sapienza" de Roma, colaborador co servizo didáctico da Comune dei Roma e da Soprintendenza Archeologica de Roma e da Etruria Meridionale; Paula Ballesteros-Arias, arqueóloga. técnica de investigación do Incipit -CSIC; Matilde González Méndez, arqueóloga experta en Comunicación e Revalorización do Patrimonio; Fidel Méndez Fernández, arqueólogo, director das escavacións do Castro de Elviña; Manuela Costa Casais, xeógrafa do Departamento de Xeografía Física da USC; Inmaculada Romero Buján do Departamento de Botánica da USC e ambientalista; Purificación Soto Arias, arqueóloga, e Nuria Freire arquitecta e máster en Arquitectura da Paisaxe. O workshop será coordinado por el Dr. Agrónomo e arquitecto da paisaxe. Pedro Calaza Martínez.
A quen está dirixido?
Este seminario, organizado pola Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega e o Instituto de Estudos do Territorio, está dirixido a todas as persoas interesadas na protección e xestión da paisaxe e o medioambiente na procura dun futuro sostible para o noso patrimonio cultural, dentro da aplicación e desenvolvemento da Estratexia da Infraestrutura Verde da área da Coruña.
Lugar
Sede da Fundación Juana de Vega
Rúa Salvador Allende, 92, San Pedro de Nós Oleiros- A Coruña