Oleiros, 20 de decembro de 2010.- Transcorrido un mes desde que se fixo pública a resolución do maior concurso eólico da historia de Galicia, polo que se adxudican 2.325 megavatios, a Fundación Juana de Vega pon a disposición dos propietarios de montes unha guía coas claves a ter en conta no proceso de negociación coas empresas eólicas e ofrécelles a posibilidade de asesoramento e orientación no proceso de negociación.
O obxectivo é tratar de reducir a asimetría de información existente e contribuír a que os propietarios de montes obteñan uns mellores rendementos derivados da ocupación dos seus terreos por parques eólicos.
A presentación desta guía celebrouse esta mañá na sede da Fundación Juana de Vega, un acto ao que asistiron, ademais do presidente da entidade, Enrique Sáez, e o seu director, José Manuel Andrade; o profesor titular do departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo Xavier Simón Fernández e o investigador Damián Copena Rodríguez.
No transcurso da presentación Enrique Sáez recordou que a Fundación Juana de Vega sempre estivo vinculada ao desenvolvemento do medio rural, polo que a edición desta guía era necesaria para contribuír a que o sector da enerxía eólica contribúa na maior medida posible a este desenvolvemento, para o cal é preciso limitar a situación de desequilibrio que se xera nas negociacións entre as empresas eólicas e os propietarios de montes para a ocupación dos terreos. Neste sentido, lembrou que ?é preciso fortalecer a posición do elo máis feble neste proceso, que é o propietario do medio rural?. Por outra banda, quixo deixar claro que en todo momento pártese da premisa da gran importancia do sector da enerxía eólica, para concluír que o que se intenta é lograr o máximo rendemento para o medio rural, xa que, en ocasións, a enerxía eólica é unha das poucas oportunidades que ten o campo galego para por en valor os seus terreos.
Na mesma idea insistiu Xavier Simón, que considera que a enerxía eólica ten grandes potencialidades ecolóxicas, económicas e sociais. Tamén sinalou que existen moitos casos nos que non se produce a simetría esperada nas negociacións entre os promotores de plans eólicos, os pequenos promotores privados e os propietarios de montes que non están estruturados a través de plataformas ou grupos que os fortalezan. Polo tanto, a guía presentada hoxe ten como obxectivo ofrecer consellos e boas prácticas aos afectados para axudarlles a que as negociacións sexan o menos desequilibradas posible.
Neste sentido, Xavier Simón indicou que nas súas investigacións detectaron que as condicións económicas son moi variables e predominan as rendas baixas, revertendo no rural só o 1 por cento da facturación dos parques eólicos. Trátase duns resultados moito menores en comparación con outras zonas de España e ademais existen notables diferenzas entre os promotores. ?Hai algúns que pagan moi ben e outros que pagan moi mal?, asegurou o profesor, para engadir que esta guía pretende facerlles ver aos propietarios cuestións fundamentais nunha negociación, como por exemplo a que se refire ás modalidades de ocupación dos terreos. ?Sempre é mellor un mal acordo que unha boa expropiación?, sinalou Simón, citando como exemplo o caso dunha comunidade de montes que tras litigar viuse finalmente abocada á expropiación, recibindo un total de 240.000 euros, cando a empresa está facturando un total de 3 millóns de euros ao ano.
Tamén mencionou o profesor outros casos abusivos como contratos de 30 anos nos que as rendas non se actualizan polo IPC ou promotores que pagan a mesma cantidade sexa o ano 1 ou o ano 15. Tamén manifestou Simón que na maioría dos casos os propietarios non coñecen a facturación estimada do parque, o cal constitúe un dato fundamental na negociación.
Con respecto á negociación, recordou o investigador que o firmado non se pode modificar, pero agora ábrese unha nova oportunidade, coa adxudicación dos 2.325 megavatios, de realizar negociacións xustas e abrir o abano dos rendementos para os propietarios, xa que as diferenzas económicas poden ser abismais, oscilando entre pouco máis de 2 millóns e os 26 millóns de euros ano en función das modalidades de contrato que se subscriban coas empresas.
A guía distribuirase de forma gratuíta entre os propietarios que a soliciten e tamén estará dispoñible na páxina web da Fundación Juana de Vega e da Universidade de Vigo (www.uvigo.es). Ademais, ambas institucións prestarán asesoramento e orientación as comunidades de montes e aos propietarios que o precisen.