
A sede da Fundación Juana de Vega acolleu este mércores, 25 de novembro, o Demoday 2026, a xornada final do seu Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias, na que os doce proxectos beneficiarios da 14ª edición presentaron as súas iniciativas empresariais ante potenciais clientes, provedores, financiadores e representantes de entidades e organizacións vinculadas ao emprendemento e ao desenvolvemento rural. O encontro reuniu a persoas que crean riqueza no rural, procedentes de distintos puntos de toda Galicia: A Coruña, A Veiga, Ames, Arzúa, Cervo, Melide, Nigrán, Ourense, Pontedeume, Tomiño e Vilalba.
Durante a xornada entregouse o IV Premio Juana de Vega ao Emprendemento Agroalimentario a Lácteos As Mellas, promovido por Sandra Mella Ríos en Arzúa (A Coruña). O xurado considerouno o proxecto máis completo da modalidade de Emprendemento e destacou a proposta da promotora de diversificar a actividade da granxa familiar, á que leva vinculada desde os 17 anos, mediante a elaboración de queixos, co obxectivo de incorporar valor engadido á produción propia de leite. O xurado valorou tamén a identificación dun nicho de mercado para diferenciarse nun produto de consumo amplo. Considera que o premio, consistente en 30 horas de asesoramento adicional, suporá un impulso positivo para o proxecto nesta fase inicial.
O xurado tamén concedeu un accésit a Marmeladas A Morena, iniciativa de Cristina Rodríguez Eijo, situada en Cervo (Lugo). Destacou a súa proposta de valor innovadora e singular, que conta xa cun produto validado no mercado. Tamén puxo en valor a dedicación e motivación da promotora, a coherencia do plan de crecemento e a viabilidade das necesidades de financiamento formuladas, así como o feito de dispoñer xa das instalacións necesarias para acometer a ampliación. O accésit pretende contribuír ao crecemento da iniciativa e reforzar a confianza da súa promotora.
Como novidade nesta edición, entregouse o Premio Sodexo Impulso Transformador a O Bico do Río, unha granxa rexenerativa promovida polo australiano Cian Francis Brazil en Vilalba (Lugo) xunto coa súa parella. O xurado destacou o seu enfoque de desenvolvemento rural integral e multifuncional, baseado na sostibilidade, na integración comunitaria e na construción dun proxecto de vida no rural. Unha iniciativa que demostra a viabilidade de desenvolver unha actividade agraria e vivir dela. A granxa aposta pola cría en liberdade e en pastos abertos de galiñas, porco celta e ovella galega. A venda de ovos constitúe actualmente a súa principal fonte de ingresos e conta con posibilidades de crecemento na comercialización de carne. O xurado salientou a súa contribución ao consumo de proximidade, ao aproveitamento dos recursos locais e ao asentamento de poboación.
Este premio nace da colaboración entre a empresa de restauración Sodexo e a Fundación Juana de Vega. A colaboración enmárcase no interese por impulsar os produtores e as empresas locais, favorecer as canles curtas de comercialización e promover unha maior presenza dos alimentos de proximidade nos circuítos de consumo.
O xurado estivo integrado por Enrique Sáez e José Manuel Andrade, presidente e director da Fundación Juana de Vega, respectivamente; José Manuel López, director comercial de Caixa Rural Galega; Susana Vázquez García, analista de inversións de Xesgalicia; Daniel Lois, director de Responsabilidade Social Corporativa e Sostibilidade de Sodexo; e José Manuel Suárez e Lucía González, titores do programa.
O acto contou coa intervención de Daniel Lois, director de Responsabilidade Social Corporativa e Sostibilidade de Sodexo, que afirmou referíndose aos doce beneficiarios: "Sodes un motor de innovación no territorio. O voso camiño non sempre é unha liña recta: hai que probar, rectificar e adaptarse, pero o importante é ter claro cara onde queredes ir e manter a ilusión para chegar ao obxectivo". A xornada foi clausurada por Enrique Sáez, presidente da Fundación Juana de Vega. "Este é un día moi especial para nós. Sempre escoitamos e aprendemos moito porque ese é o noso cometido como representantes da sociedade civil", declarou recordando a labor da fundadora, Juana de Vega.
Doce proxectos para tecer o futuro da Galicia rural
Ao longo da mañá, as doce persoas promotoras presentaron as súas iniciativas: seis na modalidade de Emprendemento e outras seis na de Crecemento e Consolidación. As propostas abranguen diversos ámbitos da cadea agroalimentaria, como a elaboración de produtos lácteos con valor engadido, marmeladas, xeados, chocolates bean to bar, viño e licor café. Tamén teñen representación a cosmética a partir de plantas medicinais, a transformación da castaña, a cría de capóns, unha granxa rexenerativa e unha consultoría tecnolóxica para o agro.
Esta edición destaca tamén pola variedade das traxectorias persoais e profesionais que hai detrás das iniciativas. Entre os participantes conviven exemplos de remuda xeracional e continuidade de negocios familiares con proxectos que buscan diversificar e revalorizar actividades produtivas xa existentes, incorporando novos produtos e propostas de transformación. Tamén hai novos entrantes no sector, así como persoas que, tras formarse ou desenvolver a súa carreira profesional fóra de Galicia, decidiron regresar para emprender no seu territorio. Perfís diferentes que amosan a capacidade do medio rural para atraer talento, xerar novas oportunidades e dar continuidade á actividade económica desde a transferencia de coñecemento e a innovación.
Últimos días para presentarse á edición 2027
O Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias é unha iniciativa que a Fundación Juana de Vega desenvolve con fondos propios desde 2012 para acompañar persoas emprendedoras e empresas que crean riqueza no rural.
A inscrición para a edición 2027 finaliza o próximo martes, 8 de decembro, na web programadeapoyo.juanadevega.org.
Durante un ano, ata doce emprendedores e empresas do rural de Galicia reciben formación e mentorización gratuíta para a implantación das súas ideas de negocio, apoio técnico para abordar proxectos de innovación, mellora, expansión ou incluso sucesións de empresas familiares. Os sectores obxectivo son o agroalimentario (produción, transformación e comercialización), forestal, bioeconomía, marisqueiro e pesqueiro, así como proxectos de base tecnolóxica e servizos de apoio a estas actividades.
Ademais, este edición conta cun itinerario territorial específico para os concellos ourensáns da Gudiña, A Mezquita, Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín, Vilardevós, e a súa contorna.
