Hoxe xoves, 7 de marzo, coincidindo coa data de nacemento de Juana de Vega e na véspera do Día da Muller, Enrique Sáez Ponte, presidente da Fundación Juana de Vega achegouse ao IES Maximino Romero de Lema (Baio, Zas) para inaugurar a exposición conmemorativa “Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina (1805-1872). Facer no século”. Tamén impartiu unha charla para uns corenta rapaces de 2º de Bacharelato.
“Os paneis da exposición servirán para mergullarvos nos complexos tempos da España do século XIX e comprendelos mellor da man dunha muller intelixente, loitadora, culta e preocupada por axudar aos que o necesitaban”, resumiu.
Nun plano máis xeral, quixo recordar que a vida de Juana de Vega no recorda dúas cousas moi importantes. Primeiro, o papel que sempre tiveron as mulleres “que despega cando logran igualdade de dereitos e oportunidades. Galicia ten moitos exemplos de mulleres destacadas no século XIX. Concepción Arenal, amiga de Juana, explicóunolo moi ben na súa obra”.
A segunda temática a resaltar, é en palabras do presidente da Fundación Juana de Vega, “a importancia da sociedade civil para completar os servizos públicos e dinamizar o funcionamento das sociedades. A Fundación que mandou crear Juana segue sendo importante para mellorar o noso medio rural”.
Ata Semana Santa, o alumnado do instituto poderá achegarse, dun xeito divulgativo, á biografía de Juana de Vega, así como ás súas accións e pensamento.
É de destacar o interese da directora do centro, Ana Facal, pola figura e exposición de Juana de Vega xa que a estadía no IES responde a unha petición persoal súa.