A modalidade de emprendemento do XI Programa de apoio a empresas agroalimentarias iniciase hoxe con cinco novas ideas de negocio

Share

A Fundación Juana de Vega comeza hoxe co asesoramento aos cinco proxectos seleccionados para participar na modalidade de emprendemento da decimoprimera edición do Programa de apoio a empresas agroalimentarias.

O programa conta con dúas modalidades diferentes; a de emprendemento, centrada na creación de novas empresas, modelos de negocio e propostas de valor; e a de crecemento e consolidación, para axudar a empresas existentes a desenvolver e/o consolidar os seus proxectos empresariais tratando de mellorar o seu funcionamento mediante a titorización personalizada na toma de decisións en distintos ámbitos do negocio que necesite. A selección definitiva das empresas participantes na modalidade de crecemento e consolidación terá lugar nas próximas semanas.

A Fundación recibiu un total de 41 solicitudes, das que 24 pasaron polos talleres de ideas empresariais e tras unha entrevista persoal, cinco deles foron seleccionados para participar na modalidade de emprendemento. Esta modalidade que se desenvolve ata finais de ano, conta con oito sesións docentes e máis de 20 titorías individuais para abordar as súas ideas de negocio desde o punto de vista estratéxico, definir o seu perfil competitivo e de posicionamento, determinar as canles de comercialización idóneos, as necesidades financeiras, e en definitiva, elaborar un plan de empresa rigoroso que facilita a súa implantación no mercado coa maior garantía de éxito posible.

Os proxectos e emprendedores/as seleccionados nesta edición foron os seguintes:

-  Romina Paula Soria López e Sergio González López, emprendedores interesados na posta en valor de castiñeiros mediante a elaboración de confituras, marmeladas e cremas de castañas e amoras silvestres na Capela (A Coruña).

- Severino González Martínez e Juan Ramón Fraga Pérez cun proxecto de recuperación e posta en valor do porco silleiro en Boborás (Ourense).

- Eva López Quiroga e Boris Roca Carreira cun proxecto centrado na optimización do proceso da acuaponía para producir peces e verduras ecolóxicas minimizando a pegada hídrica e ecolóxica, en Vilalba (Lugo)

- Vélaro S. Cooperativa Galega, cooperativa do sector ovino e caprino galego interesada en mellorar os servizos que ofrecen aos seus socios, entre elas, a distribución conxunta ao mercado.

- Raquel Biscaia López, viticultora do Bolo (Ourense) cun proxecto para crear a súa propia adega centrada en viños naturais.

Esta nova edición do programa de apoio a empresas agroalimentarias foi inaugurada polo director da Fundación Juana de Vega, e contou coa presenza de Álvaro Domínguez, empresario mozo e emprendedor de Ponteceso que compartiu a súa experiencia empresarial inspiradora cos asistentes.