Oleiros, 8 de febreiro de 2013.- A Fundación Juana de Vega pon en marcha este mes unha nova iniciativa formativa para apoiar a elaboración de viños de calidade con variedades autóctonas galegas.En colaboración co Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo desenvolverá dous cursos de viticultura e enoloxía que se prolongarán todo o ano seguindo o ciclo da uva e rematando co embotellado do produto no mes de decembro.
É que estes cursos teñen unha vocación eminentemente práctica, tratando non so de que o alumnado acade os máximos coñecementos teóricos sobre o proceso de produción de viño de calidade, senón que poida pór en práctica, tanto en fincas experimentais como en adega, todas as actividades necesarias para a obtención de viño de forma autónoma, coa supervisión e control dun titor.
Este plan formativo contempla un curso de iniciación e un curso avanzado. No de iniciación o alumnado poderá coñecer fundamentos da viticultura como a vide e o seu ciclo vexetativo e reprodutor, o acondicionamento do terreo, técnicas de fertilización e protección do viñedo, a poda e recolección, así como formación en enoloxía, tratando aspectos como a maduración da uva e a vendima, elaboración, conservación e enfermidades dos viños ou envasado. Tamén se achegarán nocións moi importantes para desenvolver o negocio como a lexislación e axudas vinculadas ao sector, denominacións de orixe, comercialización e marketing ou mecanismos e usos da cata. Combinadas coas clases teóricas, as prácticas en finca permitirán desenvolver as operacións necesarias para a implantación, mantemento de viñedos e procesos de elaboración, principalmente adaptados á comarca que abrangue os viños da Terra de Betanzos.
No que respecta ao curso avanzado, terá unha vocación totalmente práctica, co fin de lograr o obxectivo final da elaboración dun viño de calidade. O propio alumnado desenvolverá as accións de poda e atado, aplicación de fitosanitarios, control de maduración, cata de uvas, vendima e finalmente elaboración do produto. O alumnado realizará estas tarefas por parellas, e cada unha delas disporá dun número determinado de plantas de vide para a produción dunha pequena produción de 10 a 15 litros.
As clases repartiranse en dúas sesións ao mes (unha teórica e unha práctica) en cada unha das modalidades. O número de prazas restrínxese a 20 para cada curso e as persoas interesadas poderán contactar coa Fundación Juana de Vega (www.juanadevega.org) para realizar a súa solicitude de matrícula.