A Fundación Juana de Vega acaba de abrir a inscrición para participar no XV Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias que este ano presenta como novidade a creación dun itinerario territorial específico denominado GreenHub Verín-Monteval dirixido a persoas emprendedoras e empresas dos concellos da Gudiña, A Mezquita, Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín, Vilardevós, e a súa contorna.
Nesta área do sur de Ourense, moi afectada polos incendios de anos anteriores, a Fundación Juana de Vega poñerá a disposición das persoas o coñecemento e capacidades acumuladas nos pasados quince anos para axudalas a impulsar novos proxectos empresariais, favorecer a innovación no sector agroalimentario e contribuír á dinamización do territorio e á conservación da súa paisaxe. “Como argumentamos no I Foro Territorio Rural Resiliente, un territorio rural non se constrúe só con mapas ou diagnósticos, senón con persoas, actividade económica e comunidades locais activas”, explican desde a Fundación Juana de Vega.
Inscrición aberta dous meses
O prazo para presentar candidaturas, tanto no itinerario GreenHub Verín-Monteval como no habilitado para o resto de Galicia, estará aberto ata o martes, 8 de decembro a través dos formularios dispoñibles na web https://programadeapoyo.juanadevega.org.
Poderán participar iniciativas dos sectores agroalimentario (produción, transformación e comercialización), forestal, bioeconomía, marisqueiro e pesqueiro, así como proxectos de base tecnolóxica e servizos de apoio a estas actividades. Na edición xeral, as iniciativas teñen que estar localizadas en Galicia e no caso da edición GreenHub Verín-Monteval, nos dez municipios da zona e arredores.
Dúas modalidades: Emprendemento e Crecemento e Consolidación
Os interesados poden candidatarse en dúas modalidades. A primeira, “Emprendemento”, que está orientada á creación de novas empresas, a sucesións ou á recuperación de negocios familiares. O fin será acompañalos para desenvolver un plan rigoroso que lles permita a definición estratéxica da súa empresa ou proxecto, facilitando a súa implantación no mercado coas mellores garantías de éxito.
A segunda modalidade, “Crecemento e consolidación” está dirixida a autónomos, micropemes e pemes xa existentes para axudalos a mellorar o funcionamento dos seus negocios prestándolle apoio en áreas que precisen un impulso ou reforzo. Entre outras accións, poderán focalizarse en aspectos como análises de mercado, novas propostas de valor, organización corporativa, investigacións de mercado, plans de financiamento ou comerciais, comunicación e márketing.
Entre todas as propostas recibidas, en xaneiro de 2027 seleccionaranse un total de doce beneficiarios. Despois, ao longo do ano, os promotores irán cubrindo diferentes fases complementarias e escalables para completar, cada un, 50 horas de formación e 25 de titorías totalmente personalizadas e adaptadas ás súas necesidades.

