
Os xardíns históricos son testemuñas vivas da nosa historia cultural e natural. Representan espazos onde a arte do deseño paisaxístico se entrelaza coa biodiversidade, os coñecementos tradicionais e a memoria colectiva. Pero hoxe, fronte aos desafíos do cambio climático, da perda de biodiversidade e da presión urbana, a súa conservación require novas miradas e ferramentas.
Estas xornadas internacionais sobre “Restauración e xestión de xardíns históricos” queren ser un punto de encontro entre profesionais da paisaxe, da arquitectura, da ecoloxía, da historia e da xestión pública. Propoñen abrir un espazo para reflexionar e compartir experiencias sobre como abordar a restauración destes espazos desde unha perspectiva actual, integrando criterios ecolóxicos, culturais e sociais.
A restauración dos xardíns históricos non pode limitarse a unha reprodución formal do pasado, senón que debe procurar un equilibrio entre o respecto pola identidade e a adaptación funcional aos retos contemporáneos. Neste sentido, as xornadas porán o foco na aplicación dos principios da infraestrutura verde e das solucións baseadas na natureza para unha planificación, recuperación e xestión sostible a longo prazo, en coherencia co respecto á historia, desenvolvemento e evolución dos espazos históricos.
OBXECTIVOS
- Promover unha visión contemporánea e ecolóxica da restauración de xardíns históricos.
- Impulsar metodoloxías que combinen conservación patrimonial, biodiversidade e participación social.
- Fomentar a colaboración entre profesionais e entidades implicadas na xestión do patrimonio cultural e da paisaxe.
- Compartir experiencias e boas prácticas a nivel nacional e internacional.
MODALIDADE
Presencial no Pazo de Quiñones de León (Castrelos, Vigo) [ver en Google Maps].
DESTINATARIOS
Profesionais e persoas con interese na temática.
DATAS
6, 7 e 8 novembro de 2025
PRAZAS
Limitadas: 50*
* O obradoiro de paisaxe para elaboración de propostas en grupo está reservado aos primeiros 25 inscritos.
CUSTO
Gratuíto
INSCRICIÓN
No seguinte formulario ata o martes 4/11/2025 (14:00h). Cubertas as 50 prazas, o resto de persoas interesadas pasarán a lista de espera.

