
As grandes áreas industriais en desuso, as infraestruturas obsoletas e os espazos intermedios convertéronse nos últimos anos en lugares de oportunidade para deseñar sistemas ecolóxicos resilientes e adaptativos, establecendo novas relacións cos contextos urbanos e sociais. Estes lugares, anteriormente relegados ás marxes do crecemento urbano, representan hoxe en día epicentros para a experimentación e o estudo de novos paradigmas de urbanización sostible e máis integradora.
Coa posibilidade de cambio de uso dos terreos portuarios, o bordo litoral da Coruña sitúase no centro dun debate complexo con múltiples intereses, actores e perspectivas, que necesariamente debe avanzar cara a unha planificación integrada que recolla as visións de expertos, cidadanía e institucións baixo un enfoque consiliente, cun marco unificado de entendemento. É por isto que as xornadas internacionais "Paisaxes litorais consilientes" están centradas no desenvolvemento sostible dos bordos litorais dende a perspectiva da paisaxe, o capital natural e a infraestrutura verde, tomando como caso de estudo a cidade da Coruña.
A combinación de coloquios con relatores expertos nas distintas materias, a presentación de casos prácticos a escala nacional e internacional, as visitas de campo e os talleres prácticos pretenden difundir coñecemento, fomentar a participación activa, aportar solucións innovadoras e asegurar a integración paisaxística e ecolóxica no deseño urbano. O obxectivo principal será enriquecer o debate e facilitar a toma de decisións consensuadas e aliñadas coas directrices da Lei da Restauración da Natureza en Europa, a Estratexia Nacional de Infraestrutura Verde e as de menor escala, promovendo a resiliencia do sistema terra-mar e a súa convivencia coa identidade cultural da cidade.
OBXECTIVOS
- Afondar nos conceptos teóricos da planificación territorial integrada dos bordos litorais dende o prisma da consiliencia, é dicir, incorporando os enfoques das distintas disciplinas a un marco unificado de entendemento.
- Difundir coñecemento experto en materia de infraestruturas e mobilidade, oportunidades económicas, usos sociais e culturais, infraestrutura verde, conectividade ecolóxica, biodiversidade, servizos ecosistémicos, paisaxe e identidade, entre outros.
- Dar visibilidade a casos de éxito e divulgar boas prácticas na recuperación de bordos litorais.
- Establecer un espazo colaborativo de diálogo, debate, participación activa e co-creación de ideas innovadoras.
- Divulgar os resultados das xornadas para difundir coñecemento e facilitar a toma de decisións consensuadas.
MODALIDADE
Presencial na sede da Fundación Juana de Vega [ver en Google Maps]
DESTINATARIOS
Profesionais e persoas con interese na temática.
DATAS
Setembro 2025 (22 horas):
- Venres 5, 12, 19 (9:30 – 14:00h (4 horas cada día)
- Venres 26 (10:00 – 14:00h / 15:30 – 18:30h (7 horas) e sábado 27 (10:30 – 13:30h (3 horas)
PRAZAS
Limitadas: 50*
* No obradoiro de planificación integrada dos días 26 e 27, que comprende a visita a campo e a participación activa nos grupos de traballo, só poden participar os primeiros 25 inscritos. As prazas para o obradoiro xa están cubertas.
CUSTO
- Prezo xeral: 100€
- Prezo sesión independente: 25€
- Estudantes: 30€ as 5 xornadas (só 15 prazas. É preciso enviar copia da matrícula xunto co xustificante de pago)
INSCRICIÓN e MÉTODO DE PAGO
No seguinte formulario ata o luns 01/09/2025 (14:00h). Cubertas as 50 prazas, o resto de persoas interesadas pasarán a lista de espera.