Durante case un ano e medio, a Fundación Juana de Vega (A Coruña) e a empresa Agroassessor (Girona) promovemos as "Xornadas e seminarios técnicos para o impulso da agricultura rexenerativa e sostible" de forma conxunta entre Galicia e Cataluña subvencionadas polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación.
As prácticas agrícolas e gandeiras sostibles xa non son suficientes nun planeta moi deteriorado que sofre unha degradación e ameazas sen precedentes: erosión e perda de solo fértil, escaseza de auga, contaminación, destrución de ecosistemas naturais, desabastecemento,… En xeral, as consecuencias do cambio climático. Neste contexto, é necesario avanzar cara ao seguinte nivel: as prácticas rexenerativas.
Con esta serie de xornadas técnicas, poñerase o foco do debate na necesidade dun cambio de modelo de produción desde a base. Falaremos sobre a importancia tanto a nivel global como local do solo, auga e biodiversidade, dos problemas que padecen, o seu coidado e reconstitución, tanto para a preservación de contornas naturais e humanizadas, como para a creación de sistemas de produción agrícola e gandeira respectuosos e de alto rendemento ou como ferramenta fundamental para secuestro de carbono e remisión do cambio climático.
ACTIVIDADES
- Ao longo de 12 sesións divididas 4 xornadas técnicas, 1 seminario suprautonómico, 2 seminarios técnicos e 5 xornadas técnicas sectoriais abordaranse os compoñentes, prácticas, técnicas e ferramentas das prácticas rexenerativas.
- Todas as xornadas son independentes e complementarias entre si, de maneira que os técnicos, asesores ou produtores interesados na materia poida seguir o programa completo ou só aquelas sesións nas que estean interesados en función das súas necesidades, a tipoloxía dos seus proxectos produtivos ou do seu propio itinerario formativo.
- A proposta combina xornadas en liña con presenciais e mixtas, cunha duración variable dun ou dous días.
- Todas as actividades faranse por duplicado en Galicia e Cataluña, salvo o seminario técnico supraautonómico que terá lugar en Girona.
OBXECTIVOS
- Promover e colaborar no cambio de modelo produtivo cara a prácticas agrícolas e gandeiras respectuosas e resilientes que beneficien tanto ás persoas como ao medio.
- Ser capaces de deseñar procesos e espazos produtivos con enfoque rexenerativo, tanto desde cero, como na transición desde modelos convencionais a modelos máis respectuosos coa contorna.
- Deseñar follas de ruta adaptadas a cada proxecto para minimizar o uso de insumos externos e mellorar a fertilidade do chan, a xestión dos recursos hídricos e da biodiversidade das parcelas.
- Coñecer as principais prácticas e ferramentas do enfoque rexenerativo que permitan implementar sistemas de produción agropecuaria respectuosos, abundantes e economicamente viables.
PÚBLICO
O programa codiseñado entre a Fundación Juana de Vega e Agroasessor pretende adaptarse ás necesidades daquelas persoas con interese nas prácticas rexenerativas, pero con grandes dificultades para participar en actividades de longa duración ou moi seguidas no tempo e que, a pesar de apostar polos modelos en liña polo aforro que supón en tempo en desprazamento, tamén valora os encontros presenciais que fomenten en intercambio, a creación de redes e a aplicación práctica.
