Adam Smith, considerado o primeiro gran economista, publicou hai 250 anos a súa obra principal "A riqueza das nacións" (9 de marzo de 1776) na que defendía as vantaxes do libre comercio para mellorar o benestar dos pobos. Conmemoramos tamén o 40 aniversario da entrada de España e Portugal no que hoxe é a Unión Europea (UE), cuxo primeiro paso foi a creación dun Mercado Común e a eliminación progresiva das alfándegas entre os Estados membros.
Non obstante, no contexto internacional actual obsérvase que o xefe do Executivo da principal potencia económica mundial promove
políticas arancelarias destinadas a protexer sectores produtivos nacionais e a exercer presión sobre socios comerciais non aliñados coas súas orientacións estratéxicas, reactivando dinámicascontrarias ao libre comercio.
Se ollamos na nosa contorna máis próxima, comprobamos a vixencia das teses de Adam Smith. Coa entrada na UE, Galicia incorporouse a un espazo económico moito máis amplo e desapareceu, a efectos prácticos, a fronteira económica con Portugal. Desde entón, Galicia
medrou por riba da media estatal e pasou de ocupar o posto 14 ao 9 en renda per cápita no conxunto das comunidades autónomas. O Norte de Portugal tamén resultou beneficiado por este proceso de integración.
Esta reflexión conecta coa figura de Juana de Vega, que no século XIX defendeu a modernización de Galicia, a apertura ao coñecemento europeo e a inserción do país nas grandes correntes económicas, culturais e sociais do seu tempo, nunha liña plenamente coherente cos principios do liberalismo económico e co proxecto europeo contemporáneo.
Esta coincidencia de efemérides constitúe unha oportunidade para analizar estes procesos e extraer conclusións de utilidade para o presente.
Neste marco, a Fundación Juana de Vega, a través da Cátedra Juana de Vega da Universidade de Santiago de Compostela, integrada no
Departamento de Historia Contemporánea da USC, organiza estas xornadas, que se celebrarán os días 5, 6 e 9 de marzo de 2026, coa participación de destacados expertos de España e Portugal e abertas a todas as persoas interesadas.
