Introdución
O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) é un centro dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) que ten entre outras a función de coordinar o Banco de Recursos Fitoxenéticos da Comunidade Autónoma de Galicia.
No Banco traballase na recuperación, multiplicación e caracterización (morfolóxica, agronómica e molecular) de variedades e poboacións vexetais principalmente de orixe galega co fin de conservalas evitando a súa extinción, contribuíndo ademais a:
- Conservar e aumentar a nosa biodiversidade agraria, transferindo as variedades que teñan interese comercial ao sector produtivo.
- Manter as variedades locais, o que permite conservar xenes varietais que podan ofrecer unha mellor adaptación ás condicións locais e a súa posible resiliencia.
- Conservar as variedades, non só por criterios produtivos, senón tamén polas súas singulares cualidades organolépticas.
- Apoio ao agricultor e ás empresas do sector para unha xestión axeitada destes cultivos.
Actualmente no CIAM consérvase unha colección de millo (máis de 600 ecotipos e 695 liñas puras), máis de 1.600 mostras de sementes pratenses de 100 especies, unhas 300 accesións de cereais de inverno (trigos e centeos), cultivos hortícolas (tomates, pementos, leitugas, cebolas etc) e unha colección de maceiras e pereiras, neste caso mantidas in vivo.
Froito do intenso traballo desde os anos 70, nos últimos anos téñense rexistrado ou están en fase de rexistro moitas variedades de conservación ou comerciais, e tamén de poboacións naturais co fin de poñelas á disposición do sector.
A Fundación Juana de Vega colabora na organización dunha xornada na que se amosará os contidos das coleccións e os resultados obtidos ata a data con este material, tanto a nivel de conservación, multiplicación e caracterización, como a nivel de rexistro de variedades.
Abordarase tamén por parte do Servizo de Sanidade e Produción Vexetal da Xunta de Galicia a normativa e particularidades da comercialización das variedades rexistradas, e por parte do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo as experiencias ligadas á formación e á transferencia sobre variedades tradicionais.
Expoñeranse tamén os resultados acadados no convenio entre a Fundación Juana de Vega e AGACAL para “A caracterización, recuperación e conservación da biodiversidade vexetal de interese agrario de Galicia”.
A xornada vai dirixida ás persoas vinculadas profesionalmente cos sectores relacionados coa agricultura, gandería, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira ou con expectativa de incorporación, en especial mozos e mozas do medio rural galego.