Introdución:
A posta en marcha da Asociación Europea de Innovación para unha agricultura produtiva e sostible en 2012 supuxo un cambio na forma de acometer as accións de transferencia de coñecemento no ámbito do sector agrario. O novo modelo pretende evolucionar dun sistema lineal de transferencia da investigación aos usuarios, a un sistema de co-creación entre os distintos actores.
Para implementar esta nova filosofia puxéronse en marcha nos Programas de Desenvolvemento Rural, os Grupos Operativos de innovación e os proxectos de cooperación. No novo modelo interactivo de innovación, o coñecemento é agora co-creado por agricultores, investigadores, asesores, empresas, organizacións etc, que traballan en conxunto para conseguir unha produción agro alimentaria máis sostible, produtiva e rendible.
Seguindo este esquema, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) ten participado en numerosos Grupos Operativos e Proxectos Piloto en cooperación con outros axentes do medio rural galego.
Neste contexto, o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) e a Fundación Juana de Vega organizan o vindeiro 20 de novembro, unha xornada de transferencia, realizada no marco do Plan de transferencia para o apoio ás actividades de demostración e de información ao agro galego 2020, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do PDR de Galicia 2014-2020. Nesta xornada amosaranse os resultados e liñas de traballo dos Grupos Operativos e Proxectos Piloto desenvolvidos en Galicia nos que participa o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) dependente da AGACAL.
A presentación de resultados e liñas de traballo, enmárcase con dous relatorios de contexto sobre a importancia dos AKIS (Agricultural Knowledge and Innovation Systems) no seguinte período de programación e as conclusións do Grupo Focal organizado polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA) para posta en común de propostas para o fortalecemento dos AKIS en España.
A xornada vai dirixida ás persoas vinculadas profesionalmente cos sectores relacionados coa agricultura, gandería, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira ou con expectativa de incorporación, en especial mozos e mozas do medio rural galego.