
Introdución
A calidade é unha das ferramentas máis eficaces coa que contan os agricultores europeos para afrontar a competencia cada vez maior dos países emerxentes e das grandes marcas. As últimas crises agroalimentarias, xunto co maior poder adquisitivo da poboación, fixeron que os consumidores concederan unha importancia crecente á calidade dos alimentos, cunha demanda en aumento de produtos alimentarios de orixe xeográfica específica e certificada.
Ligados a estas variables xeográficas aparecen os alimentos de calidade diferenciada, entendidos como tales: "produtos protexidos pola normativa comunitaria que garante o cumprimento de requisitos superiores aos requiridos para outros produtos".
Estes produtos de calidade diferenciada promoven a diversificación da produción agrícola, para lograr un mellor equilibrio no mercado entre a oferta e a demanda, contribuír á mellora dos ingresos dos agricultores e ao asentamento da poboación rural nesas zonas.
No ano 2021 prevese a actualización da Lei de Calidade Alimentaria que actualizará a normativa vixente do ano 2005, e na que, entre outros aspectos, se pretende potenciar as figuras das D.O.P. e I.X.P.
Os centros de investigación galegos I+D+i foron, en moitos casos, participes nos procesos de creación e consolidación de moitas das 36 marcas de calidade diferenciada existentes na actualidade na nosa comunidade, existindo en moitos casos unha relación de longo percorrido na que os centros, a traveso de proxectos de investigación e de transferencia de tecnoloxía deron resposta aos retos e demandas das marcas de calidade.
Neste contexto, o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) e a Fundación Juana de Vega organizan o vindeiro 22 de outubro, unha xornada de transferencia, realizada no marco do Plan de transferencia para o apoio ás actividades de demostración e de información ao agro galego 2021, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do PDR de Galicia 2014-2020. Nesta xornada amosaranse algúns dos proxectos vinculados ao desenvolvemento das DOP e IXG Galegas nos que participa o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) e outros centros dependente da AGACAL.
A presentación de resultados e liñas de traballo, enmárcase cunha mesa redonda na que representantes dalgunhas das DOP e IXP de maior traxectoria en Galicia expliquen a súa experiencia en relación á transferencia de coñecemento e expoñan as necesidades de I+D+i non cubertas.
A xornada vai dirixida ás persoas vinculadas profesionalmente cos sectores relacionados coa agricultura, gandeiría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira ou con expectativa de incorporación, en especial mozos e mozas do medio rural galego.
Localización
Salón de actos do CIAM (Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo).
Estrada Betanzos- Mesón do Vento, km7; Abegondo (15318 A Coruña)