Introdución
A Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega co patrocinio da Axencia de Turismo de Galicia, no marco do programa O teu Xacobeo, de apoio a proxectos de dinamización do Xacobeo 2021, organiza a segunda edición dos workshops internacionais de paisaxe que levan por título: Tralas pegadas do Camiño de Inverno nas paisaxes da Ribeira Sacra.
Tras o workshop celebrado no mes de setembro dedicado ao tramo Quiroga Monforte nesta segunda edición traballarase no tramo Monforte de Lemos- Chantada.
CAMIÑO DE INVERNO POLA RIBEIRA SACRA
O Camiño de Inverno é a entrada natural a Galicia dende a meseta seguindo o leito do río Sil, un acceso xa usado polos romanos e utilizado polos peregrinos como alternativa ao coñecido Camiño Francés. Pénsase que puido xurdir como alternativa aos cumes nevados do Cebreiro, e tamén para evitar os desbordamentos frecuentes dos ríos do val do Valcarce.
O Camiño de Inverno sepárase do Francés en Ponferrada, e penetra en Galicia polo Puente de Domingo Flórez atravesando os concellos de Rubiá, Carballeda de Valdeorras, Vilamartín de Valdeorras, A Rúa, Quiroga, A Pobra do Brollón, Monforte de Lemos, Pantón, O Saviñao, Chantada, na provincia de Lugo, e cruzando posteriormente parte da provincia de Pontevedra por Lalín, Silleda e A Estrada e Rodeiro, e entrando na da Coruña por Vedra ata chegar a Santiago de Compostela.
Este Camiño figura oficialmente como Patrimonio da Xunta de Galicia desde 2016, e a súa delimitación oficial foi recollida por primeira vez no Plan Básico Autonómico, aínda que seguindo o definido na lei 5/2016 de patrimonio cultural de Galicia precisaría dunha maior reflexión.
Segundo os datos da Oficina do Peregrino, os peregrinos que chegaron a Santiago polo Camiño de Inverno foron 555 en 2017 e 703 no 2018. Este dato supón que unicamente o 0,18 % do camiñantes escollen este percorrido fronte a outras alternativas a pesar de non ter un territorio histórico consolidado, nin posuír albergues oficiais. Porén, convén salientar a importancia deste Camiño no que se refire ás súas calidades paisaxísticas e culturais dado que percorre, no tramo galego: o Parque Natural da Enciña da Lastra, e a contorna natural do río Deza, e especialmente a Ribeira Sacra.
A recente declaración da Ribeira Sacra como primeira Paisaxe Cultural de Galicia ao amparo da nova lei de Patrimonio Cultural, abre un campo novo no recoñecemento e xestión das paisaxes, ata agora limitadas á lexislación de Paisaxe. Esta nova situación, o compromiso de conservación, e a extensión da área comprometida na candidatura a Patrimonio Mundial da UNESCO, fan deste territorio unha paisaxe excepcional de Galicia con moitas posibilidades de valorización.
OS EXTRAORDINARIOS VALORES DA RIBEIRA SACRA
Centrándonos na Ribeira Sacra, os vales dos ríos Sil, Miño, Mao e Cabe manteñen unha rica biodiversidade tendo o Canón do Sil e o Río Cabe a calificación de Zona de Especial Conservación da Rede Natura 2000 precisamente por estes valores naturais asociados, e tamén polas varias áreas de especial interese paisaxístico.
No que se refire á súa calidade patrimonial débese destacar a presenza de edificios relixiosos: eremitorios, igrexas e mosteiros, que forman o conxunto existente de maior concentración do románico de Europa, sen esquecer a gran cantidade de edificios civís de arquitectura tradicional de enorme calidade, entre eles, o Mosteiro de San Vicente do Pino, ou o Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, agora Paradores Nacionales, ou o Mosteiro de Santa María de Ferreira de Pantón, e o de Santa Cristina de Ribas de Sil. Sen esquecer a gran calidade de edificios civís de arquitectura tradicional de enorme calidade.
Outro dos elementos máis característicos da paisaxe da Ribeira Sacra as terrazas, ou socalcos. Trátase de construcións escalonadas de pedra nas que hoxe predominan as vides, aínda que en orixe fosen policultivos, que no seu día practicamente cubriron as ladeiras dos rios Sil e Miño, e que parece teñen a súa orixe na época romana cando ocuparon a Gallaecia en busca das súas riquezas naturais, sobre todo o ouro do Sil, pero tamén o viño. Estas terrazas xeran unha paisaxe absolutamente espectacular, cunha beleza vinculada ao esforzo que supón a súa construción e mantemento, ao que non en balde denomínaselle “viticultura heroica”.
Obxectivos
O obxectivo é analizar as paisaxes e os patrimonios da Ribeira Sacra, e propoñer estratexias de delimitación, intervención, e desenvolvemento a partir dun traballo multidisciplinar con estudantes, expertos e profesionais de recoñecido prestixio, contando tamén cos axente locais. Neste segundo workshop analizarase o tramo que vai dende Monforte de Lemos a Chantada.
Trátase de avaliar o Camiño de Inverno na Ribeira Sacra como elemento vertebrador dun crecemento socioeconómico sostible. Por isto, e tendo en conta todo o exposto na introdución, a Fundación Juana de Vega, en liña coas súas preocupacións e obxectivos, considera necesario traballar no coñecemento, na posta en valor e a divulgación das extraordinarias paisaxes e patrimonios que ofrece a Ribeira Sacra como alicerce e imaxe central do Camiño de Inverno, favorecendo así a súa protección e conservación, e potenciando o uso respectuoso desta ruta de peregrinación a Santiago. A beleza das paisaxes, a riqueza cultural e a enogastronomía son as principais motivacións que terán os peregrinos para elixir o seu destino.
Neste contexto son varios os eidos nos que cómpre traballar: é necesario reflexionar sobre unha delimitación razoada do Camiño de Inverno e do seu territorio histórico, imaxinar a valorización e rehabilitación do enorme patrimonio cultural relixioso e civil existentes, mellorar os servizo de hospedaxe nas diferentes tipoloxías, así como a calidade e cantidade de restaurantes vinculados aos produtos da zona, sobre todo coa potenciación dos produtos vitivinícolas, cada vez máis recoñecidos, e a súa relación ca paisaxe, o que permitiría aumentar con medida, a oferta de actividades complementarias ao turismo, e estudar o ámbito do percorrido e a súa contorna para establecer criterios de protección e desenvolvemento.
Partimos dun Camiño no que queda moito por coñecer e investigar no recoñecemento e proba da historicidade dos trazados, ao tempo que este se desenvolve nun territorio profundamente intervido, sacralizado, e apropiado dende o principio dos tempos que debemos preservar.
Metodoloxía de traballo
O formato dos workshops será unha combinación de intervencións dos expertos nas distintas materias, visitas de campo nas que os participantes poidan observar sobre o terreo as cuestións tratadas, e tomen contacto co territorio, debatendo máis tarde entre eles e cos expertos e os veciños para facer finalmente as propostas orientadas a resolver os obxectivos fixados.
Os workshops serán coordinados por:
Mario Crecente Dr. Arquitecto, experto en xestión da paisaxe, patrimonio e turismo e profesor da Universidade en Xestión Turística do Patrimonio, con diversos traballos relacionados cos Camiños de Santiago, e a propia Ribeira Sacra.
A quen está dirixido?
O seminario está dirixido principalmente a enxeñeiros, arquitectos, paisaxistas, xeógrafos e outros profesionais que traballan ou teñan interese na posta en valor e a divulgación da cultura e os valores do medio rural. Así como, a aquelas persoas vinculadas ao territorio que traballen en turismo ou desenvolvemento rural.
En xeral pode interesar a aquelas persoas que teñan interese pola preservación dos valores da paisaxe no medio rural.