SoutoLAB | Patrimonio cultural da castaña: memoria e paisaxe

24 de xullo

A Pobra de Trives

Os sequeiros de Pena Folenche, na Pobra de Trives, serán os protagonistas da nova actividade organizada por SoutoLAB dentro do seu programa de divulgación e intercambio de coñecemento arredor da cultura da castaña. A xornada, titulada "Patrimonio cultural da castaña: memoria e paisaxe", celebrarase o vindeiro venres, 24 de xullo, e combinará sesións técnicas no Auditorio Julio Vázquez cunha visita interpretativa aos sequeiros.

A actividade busca afondar na dimensión patrimonial dos soutos e da cultura da castaña nun territorio especialmente vinculado a este cultivo. As comarcas de Valdeorras e Terra de Trives concentran arredor do 20% dos soutos de Galicia, un patrimonio natural e cultural que sitúa esta zona como unha das principais áreas castiñeiras do país. Neste contexto, os sequeiros de Pena Folenche constitúen un dos mellores exemplos da arquitectura tradicional asociada ao aproveitamento da castaña en Galicia. Trátase dun conxunto de pequenas edificacións de pedra que durante séculos serviron para o secado da castaña e como aloxamento temporal das persoas que se desprazaban ata os soutos durante a campaña de recollida. Representan un valioso testemuño da organización social, económica e produtiva que xirou historicamente arredor deste cultivo.

Axenda

Patrimonio cultural da castaña: memoria e paisaxe
Venres, 24 de xullo, de 16:00 a 20:30h
A Pobra de Trives (Auditorio Julio Vázquez)

Programa
16:00 – 16:15h.- Recepción de participantes e presentación da xornada

16:15 – 16:30h.- A cultura da castaña como patrimonio vivo
Fran García, Fundación Juana de Vega

16:30 – 17:00h.- Caracterización agroprodutiva da comarca de Trives
Vanesa Garrido, Asociación Galega das Castañas e dos Soutos

17:00 – 17:30h.- Pequenos concellos, grandes proxectos: o papel da oficina técnica no desenvolvemento rural
Martiño Xosé Vázquez, Oficina Técnica do Concello de Vilar de Barrio.

17:30 – 18:00h.- Coloquio e intercambio de experiencias cos asistentes

18:00 – 18:15h.- Desprazamento aos sequeiros de Pena Folenche

18:15 – 19:45h.- Visita interpretativa aos Sequeiros de Pena Folenche

  • Rubén Pérez, concelleiro de Medio Rural e Medio Ambiente da Pobra de Trives
  • Martiño Xosé Vázquez, Oficina Técnica do Concello de Vilar de Barrio
  • Veciñanza local

Contidos:

  • Arquitectura tradicional dos sequeiros.
  • Técnicas históricas de secado da castaña.
  • Memoria oral e usos tradicionais do souto.
  • Estado de conservación e oportunidades de valorización.
  • Rexistro de elementos para o Inventario Cultural de SoutoLAB.

19:45 – 20:00h.- Desprazamento á Pobra de Trives

20:00h.- Degustación de produtos locais (A Pobra de Trives)