Introdución
A Escola Galega da Paisaxe Juana de Vega, coa colaboración do Grupo de Investigación de Análise Territorial (ANTE-IDEGA-USC), organiza do 26 ao 28 de outubro un novo seminario de debate e intercambio acerca da cultura propia das paisaxes de montaña.
Con frecuencia a paisaxe é entendida como unha realidade desligada das actividades económicas. Como moito, asúmese que ten un valor para o turismo, en tanto que escenario que propicia a atracción de visitantes a un determinado lugar: unha paisaxe bonita, adóitase dicir, fai que se dirixa xente a visitala. Porén, a paisaxe está a acadar un valor preponderante no ámbito do desenvolvemento local, de xeito que cada vez máis se erixe en vector fundamental da marca dos territorios e mesmo no símbolo compartido que mellor os representa, externamente pero tamén a efectos internos. Asemade, a paisaxe está en moitos casos a devir o elemento central da autoestima e da identidade das comunidades, o que resulta fundamental a efectos de desenvolvemento territorial.
Alén disto, a paisaxe converteuse xa en moitos países nun activo de primeira orde na diferenciación de produtos, sobre todo de tipo agroalimentario, de xeito que se tenden a vincular ambos os dous de forma moi íntima: o mel coas uceiras, as castañas- ou as tortas que se fan con elas- cos soutos, a carne de vacún cos lameiros, etc. Deste xeito, as redes agroalimentarias alternativas que se están a estabelecer fronte aos sistemas dominantes de produción masiva, convencional e industrializada tenden a pór a énfase na orixe dos alimentos, é dicir, as paisaxes nas que se producen, que son únicas e irrepetíbeis e que fan eses produtos derivados delas algo moi especial. Pódese soster, pois, que as paisaxes permiten dotar dun potente valor engadido aos produtos que se lles vencellan intimamente. De feito, tan grande está a ser o efecto do valor da paisaxe que as tendas (de distinto tamaño) se fan eco destas novas formas de consumo e comezan a usar o reclamo da marca de lugar como un elemento central nas súas promocións, mesmo con imaxes desas paisaxes.
Nas edicións anteriores dos seminarios anuais de paisaxes das montañas galegas celebrados na Veiga puxemos o acento no xeito en que estas paisaxes conforman realidades singulares a cabalo das dimensións materiais (pegadas de procesos glaciares, vexetación subalpina, etc.) e inmateriais (memoria histórica, lendas, prácticas sociais, imaxes, etc.) que posúen uns valores singulares e unha alta calidade paisaxística. Tamén se manifestou que boa parte da aparencia actual desas paisaxes ten que ver con actividades económicas do pasado que xa decaeron, sobre todo de tipo gandeiro. A súa desaparición compromete a sustentabilidade presente e futura das paisaxes de montaña.
O presente seminario sitúase precisamente de cheo nesta problemática, de xeito que nos preguntamos que actividades económicas se poden desenvolver nas paisaxes de montaña sen comprometeren os valores e as calidades que atesouran. Isto comporta non só facerse eco de experiencias que poidan ser de utilidade aquí, senón tamén avaliar o que se está xa a desenvolver no resto do territorio galego e alén. Non todos os casos que se poden tratar neste sentido serán exemplares, en especial aqueles que se focalizaron exclusivamente en investimentos turísticos que non actuaron de revulsivo como se esperaba e/ou non responderon aos limiares de sustentabilidade. Cómpre, en fin, facer referencia á especialización en diversos sectores económicos alternativos e convencionais para pór en valor as paisaxes de montaña galegas.
Alén desta posta en valor a través dunha reflexión compartida que estea atenta ás boas prácticas, o seminario persegue tamén sensibilizar o sector empresarial na cuestión paisaxística, detectar oportunidades económicas vencelladas á xestión da paisaxe para futuros emprendedores/as, en definitiva, conformar un espazo de intercambio entr o mundo económico- empresarial e o da sensibilidade paisaxística.
O formato do seminario será o xa experimentado no pasado e que deu bos resultados en edicións anteriores: intervencións de expertos/as na materia de recoñecido prestixio, visitas ao campo nas que poidamos observar sobre o terreo as cuestións tratadas e unha parte de debate e obradoiro, en chave de propostas proactivas de futuro para dinamizar o rural en base á paisaxe.
O Concello da Veiga premiará o mellor proxecto empresarial que xurda no seminario e que se pretenda desenvolver no concello da Veiga. Este premio asignarase a partir dunha avaliación que se producirá logo do seminario por parte da organización e do propio Concello e que terá en conta a adecuación dun proxecto empresarial ao eixo central deste seminario: o desenvolvemento, entendido de forma integral, nas paisaxes de montaña desde unha óptica sustentábel. O proxecto escollido para o premio terá que presentarse á fase selectiva do programa de emprendemento da Fundación Juana de Vega (http://programa.juanadevega.org/). Se pasa á segunda fase, o premio consistirá no pago para a persoa premiada por parte do Concello da Veiga da cota de inscrición e das dietas de desprazamento desde o seu lugar de residencia, aloxamento na Coruña e manutención para a realización da fase II dese programa, coa condición de que a iniciativa empresarial se implante de forma efectiva en 2019 no territorio do concello da Veiga (fase III). O premio está valorado nun máximo de 2500€, en función dos custos indicados. Asemade, o Concello da Veiga facilitará activamente a implantación da fase III do proxecto gañador. O premio pode quedar deserto, xa sexa porque ningún proxecto do seminario é considerado adecuado ou porque o proxecto escollido non pasa á fase II do programa de emprendemento da Fundación Juana de Vega.
A quen esta dirixido?
O curso está dirixido a todas as persoas interesadas na materia, o que inclúe tanto a poboación local como o público especializado (titulad@s e estudantes/as universitari@s) en disciplinas como Administración e Dirección de Empresas, Arquitectura, Arquitectura da Paisaxe, Economía, Enxeñaría Agraria, Enxeñaría Forestal, Historia, Historia da Arte, Humanidades, Ordenación do Territorio, Turismo, Urbanismo ou Xeografía.
Lugar de celebración
A Veiga (Ourense) (Biblioteca Municipal), agás nas horas de campo
Data
26, 27 e 28 de outubro de 2018