Introdución
A aldea do Couto, Ponteceso, na Costa da Morte
A Fundación Juana de Vega a través da Escola Galega da Paisaxe en colaboración coa Fundación Eduardo Pondal e o patrocinio do Instituto de Estudos do Territorio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda organiza o Obradoiro: Revitalizar a paisaxe rural. Aldea de Couto no marco das súas actividades co obxectivo de promover o estudo, a investigación, a formación, a difusión e o intercambio de coñecementos, e a sensibilización e concienciación da sociedade en materia de paisaxe.
A Aldea do Couto, pertencente ao municipio de Ponteceso, sitúase na Grande Área Paisaxística das Chairas e Fosas Occidentais, dentro da comarca paisaxística da Costa da Morte, no Sector da ría de Corme e Laxe. Enmárcase na unidade paisaxística do Estuario do Anllóns.
O estuario do río Anllóns é sinónimo de solos profundos e fértiles, o que favoreceu desde outrora os asentamentos humanos e o desenvolvemento das actividades agrícolas. Predominan os espazos cultivados rodeando os núcleos de poboación de entre os que destacan as dúas cabeceiras municipais, Ponteceso e Corme. Nas zonas de maior pendente, ao redor das agras, localízanse os bosques e monocultivos de eucalipto e piñeiro, ocupando unha grande extensión.
A auga preséntase como o elemento conformador da paisaxe. Ao seu arredor créanse numerosas coberturas de grande interese ecolóxico como as marismas, ou as zonas húmidas que alternan cos bosques de ribeira nos tramos máis altos do Anllóns. A zona de esteiro caracterízase por albergar importantes bancos marisqueiros de berberecho que, xunto coas capturas de percebe do resto do municipio, fan que a economía de Ponteceso estea baseada principalmente nos usos marisqueiros, sendo o municipio que máis percebe captura do mundo.
Pequenos rodais de carballos repartidos por toda a unidade xunto con antigas parcelas agrícolas ocupadas agora por matogueira completan este mosaico de usos e coberturas que tapizan o val do Anllóns.
A predominancia dunha base económica agraria e marisqueira condiciona o carácter rural da unidade que se asenta nun espazo que outrora foi de gran produtividade. Os asentamentos sitúanse naqueles espazos máis favorables para o desenvolvemento das actividades agrícolas e próximos ás vías de comunicación. O crecemento experimentado polos núcleos nos últimos anos modificou a estrutura orixinal transformándoos nun denso armazón de edificacións repartidas por toda a unidade paisaxística. Os núcleos máis antigos, e de forma máis compacta, sitúanse ao norte da vila de Ponteceso, como é o caso da aldea do Couto (parroquia de Cospindo) considerado núcleo de identidade litoral.
O incremento do peso específico das dúas cabeceiras municipais, Corme e Ponteceso. que agora concentran todos os servizos administrativos e económicos, crea fluxos e sinerxías cara a elas. As novas vivendas aséntanse próximas ás estradas creándose tensións lineais derivadas da procura dunha mellor accesibilidade e unha maior eficiencia nos desprazamentos. Xa non existe unha dependencia do sector primario polo que se liberan parcelas agrícolas que agora son ocupadas por vivendas dispersas, o que supón un incremento da rede de estradas.
O ámbito de estudo centrarase na aldea do Couto e a súa contorna, abarcando desde a praia de Balarés toda a costa, incluso o esteiro do Anllóns, ata o núcleo de Ponteceso; ademais do espazo agrícola asociado e o monte, coa singularidade do miradoiro do Monte Branco.
Obxectivos
A situación na que se encontra o medio rural en Galicia é certamente complexa e está relacionada có peso da actividade agraria e a densidade da poboación, e asociada tamén a factores como o avellentamento da poboación, o illamento respecto ao sistema urbano, os baixos niveis de renda e as deficientes dotacións de equipamentos.
Esta realidade social e territorial non pode ocultar o elevado potencial natural, paisaxístico, agrícola, forestal, e cultural, que estas zonas posúen para contribuír á mellora da calidade de vida dos seus habitantes e ao desenvolvemento equilibrado do territorio galego. Por tanto o mantemento da súa poboación e das actividades económicas “in situ” son fundamentais para a mellora da cohesión social e para a mitigación dos riscos naturais e inducidos.
Unha paisaxe de calidade constitúe un recurso clave para o desenvolvemento rural. A paisaxe rural é un auténtico gancho turístico en varias rexións de Francia, Reino Unido ou Italia. A beleza das paisaxes, a riqueza cultural e a gastronomía son os uns dos principais motivos dos turistas para elixir o seu destino.
A paisaxe pode ser entendida unicamente como un recurso desde o punto de vista económico, capaz de xerar emprego e rendas, e por tanto de fixar poboación, pero tamén desde o punto de vista da saúde e o benestar físico e psíquico dos habitantes.
Desde o punto de vista ecolóxico a conservación de determinados elementos da paisaxe rural como as sebes, bosquetes, valados de pedra e vexetación de ribeira mantén a diversidade paisaxística, e constitúe un soporte para a fauna e flora local.
Non debemos esquecer a importancia da paisaxe como patrimonio cultural e referencia para a identidade social e territorial.
Neste contexto faise precisa unha reflexión desde o ámbito da paisaxe sobre a súa configuración, reciclaxe e ordenación. O impacto dos novos usos e o importante patrimonio rural abandonado xunto coa calidade ambiental do mesmo, fan máis necesaria se cabe esa reflexión.
O programa ten por obxecto: divulgar este territorio e os seus recursos; incorporar a paisaxe e o medio rural como obxectos de investigación; e formular propostas para a aldea do Couto e a súa contorna que sirvan para a súa posta en valor contribuíndo:
- Á mellora da calidade de vida dos habitantes da aldea
- Á innovación no agro como xerador de emprego e emprendemento
- Ao incremento dos valores medioambientais
- Á posta en valor e a divulgación da cultura e os valores do medio rural
A quén está dirixido?
O obradoiro está dirixido principalmente a arquitectos, paisaxistas, urbanistas, xeógrafos e outros profesionais que traballan ou teñen interese no campo do desenvolvemento e a planificación urbana no medio rural.
En xeral pode interesar a aquelas persoas que teñan interese pola preservación dos valores da paisaxe no medio rural.
Lugar
Sede da Fundación Eduardo Pondal
Couto, 62, 15110 Ponteceso, A Coruña