Introdución

A Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega co patrocinio da Axencia de Turismo de Galicia, no marco do programa O teu Xacobeo, de apoio a proxectos de dinamización do Xacobeo 2021-2022, e a colaboración do Concello de Betanzos, organiza o seminario internacional da paisaxe que leva por título: O carácter da paisaxe: o camiño inglés, a vila e o viñedo das Mariñas de Betanzos.
Desde a aprobación no ano 2000 do Convenio Europeo da Paisaxe, estendeuse a vontade de identificar e cualificar todas as paisaxes presentes no noso territorio. Nese exercicio, cobra unha peculiar relevancia detectar que fai diferente unha paisaxe da outra, é dicir, chegar a determinar de que maneira unha paisaxe en particular pode ser considerada singular. Isto é o que denominamos o carácter da paisaxe.
En verdade, existe unha dilatada experiencia nesta dirección, desde o clásico genius loci, e pasando pola tradición xeográfica de comezos do século XX na que, para cada paisaxe, se tentaban describir os seus trazos definitorios limitados a un ámbito territorial cuns estremeiros ben marcados. Como sempre que falamos de paisaxe, non podemos entender o seu carácter como algo unicamente obxectivo. Deste xeito, hai que abranguer a dimensión perceptiva, valorativa e estética que privilexia os discursos, as narrativas e as representacións. Esta dimensión materializouse ás veces en proxectos de ordenación paisaxística, no sentido dado polo Convenio Europeo da Paisaxe: accións prospectivas de mellora, restauración e creación de paisaxes.
Propoñemos un seminario-obradoiro que formule un debate ao redor do carácter da paisaxe como concepto teórico chave nos estudos paisaxísticos, sen renunciar a un traballo práctico proactivo centrado na contorna de Betanzos e cuns argumentos específicos: o Camiño Inglés, o viñedo e o patrimonio da vila no seu emprazamento. Trátase dun laboratorio territorial de enorme interese, por exemplo polas narrativas xeradas no pasado por persoeiros históricos, que se poden considerar ben arraigadas.
En efecto, As Mariñas de Betanzos xa foran gabadas hai décadas como verxel vizoso, nas coñecidas palabras do escritor Antonio de la Iglesia recollidas na Geografía de Galicia de Antonio Fraguas (1953). Este último autor non dubidou en afirmar que «as xentes estiman [as de Betanzos] como as verdadeiras terras das Mariñas». A súa descrición por Otero Pedrayo (Guía de Galicia, 1926) como unha paisaxe de esteiro cuberta de xunqueiras, cunha luz particular, rodeada de abas, viñedo e lúpulo —cultivo singular que florece en outono— e artellada pola cidade no seu castro, sintetizou de forma expresiva o seu carácter hai anos. Entre outras cousas, no seminario-obradoiro tentaremos cuestionarnos se estas palabras seguen a ser valedoiras hoxe en día.
A reflexión sobre o carácter da paisaxe das Mariñas de Betanzos debe afastarse dunha foto fixa. Polo tanto, cómpre incorporar argumentos renovados, entre os cales se atopa a relevancia que está a acadar o discurso xacobeo en Galiza desde a súa (re)invención a inicios da década de 1990. En efecto, o Camiño Inglés cruza a comarca e está a resignificar poderosamente o espazo que percorre, tamén o das vilas e núcleos, polo cal require unha atención especial.
Asemade, os novos argumentos de revaloración da paisaxe inclúen a emerxencia das redes agroalimentarias alternativas como mecanismos asociados ás leiras en cultivo, que atopan na súa paisaxe un recurso central para fundamentaren a calidade dos produtos que se obteñen delas. En particular, o viñedo é un elemento xa entendido como identitario no pasado, no que cómpre deterse, prestando atención ás reconfiguracións en marcha na comarca: novas adegas, novas plantacións, desenvolvemento da IXP, etc. Porén, non se poden esquecer outras producións tamén características da zona que están a apostar polos circuítos curtos, a agricultura ecolóxica, etc, grazas entre outros ao traballo do Plan alimentario local da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.
Tamén é mester incorporar todo o novo discurso patrimonial que se está a reflectir en miradas integrais que van alén do mero tratamento externo de edificios puntuais e abrangue conxuntos coherentes de elementos xulgados con valor nos que se desenvolven proxectos unitarios. Neste proceso, xoga un papel especial a revalorización do núcleo castral de Betanzos, cunha morfoloxía particular, unha muralla conservada, xardíns de distinto tipo con proxectos singulares con identidade e reivindicados pola cidadanía, etc.
Resulta necesario, en fin, acadar un discurso coherente sobre a paisaxe do ámbito estudado, ao redor do seu carácter identitario. Isto contribuirá, sen dúbida, a un desenvolvemento sostible da comarca que por definición abrangue, ao mesmo tempo, temas ambientais, económicos e sociais.
Obxectivos
- Posibilitar unha reflexión teórica sobre o concepto de carácter da paisaxe.
- Ofrecer unha revisión de experiencias en materia de carácter da paisaxe, en particular en termos de delimitación de unidades da paisaxe.
- Valorar de que xeito o carácter da paisaxe pode contribuír ao desenvolvemento sostible do territorio.
- Determinar de que xeito inflúe no carácter da paisaxe a existencia de elementos liñais, areais e puntuais de carácter discreto, tales como un itinerario (o Camiño de Santiago), un cultivo particular (o viñedo, por exemplo) ou un edificio singular (o Lavadeiro, por exemplo).
- Desenvolver un estudo aplicado do carácter da paisaxe a unha determinada escala intermedia, sen renunciar a outras escalas de traballo e de proxecto.
- Xerar coñecemento sobre a paisaxe do Camiño Inglés ao seu paso polas Mariñas betanceiras.
- Estimar como o carácter dunha paisaxe varía ao longo do tempo e, en particular, como se incorporan novos argumentos.
- Contribuír á posta en valor do Camiño Inglés ao seu paso polas Mariñas de Betanzos, no seo dunha lectura coherente do carácter da paisaxe da zona.