
O próximo mércores, 12 de marzo (16:30 a 18:30h), os socios do Grupo Operativo Oliveiras de Galicia organizamos, xunto coa Asociación de Productores de Aceite e Aceituna de Galicia (APAAG) e o IES O Ribeiro, a xornada de transferencia "Avances na produción de planta certificada de oliveiras autóctonas de Galicia".
- Lugar: IES O Ribeiro (Ribadavia, Ourense | Rúa Irmáns Álvarez Araújo, 5 [Ver como chegar en Google Maps]
- Entrada libre
- Inscrición ata o 11/03 ás 15:00h no seguinte enlace (só 50 prazas).
O obxectivo deste encontro é manter informado ao sector sobre os avances do GO Oliveiras de Galicia, tanto dos resultados preliminares de micropropagación in vitro como da multiplicación por estaca, así como daquelas variedades de oliveiras autóctonas que están respondendo mellor a estas técnicas ad hoc.
Tamén se aproveitará a xornada para explicarlle aos asistentes os avances no rexistro de variedades comerciais da man da Misión Biolóxica de Galicia (MBG - CSIC).
Pola súa banda, a APAAG presentará nunha cata os Aceites de Oliva Virxe Extra do ano 2024.
O consorcio da investigación aplicada GO Oliveiras de Galicia está integrado pola Fundación Juana de Vega (beneficiario principal), a Misión Biológica de Galicia (MBG -CSIC) e as empresas Ouro de Quiroga (Lugo) e Olivar de la Concordia (Valga, Pontevedra). A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) da Consellería do Medio Rural é colaborador externo e o laboratorio Cultigar, entidade subcontratada.