Descrición
No 2004 a Society for Ecological Restoration definiu a Restauración Ecolóxica do seguinte xeito: “ciencia que asiste á recuperación dos ecosistemas danados, degradados ou destruídos”. A explotación de recursos mineirais implica a destrución dos ecosistemas precedentes polo que a súa reconstrución nunca será un obxectivo real. Fronte ás técnicas convencionais de restauración, de forte carácter agronómico, a restauración ecolóxico incorpora unha visión holística que permite a recuperación dos procesos naturais bloqueados cara un novo ecosistema autosuficiente. A innovación nos proxectos de restauración ecolóxica en espazos mineiros preséntase como unha oportunidade pouco desenvolvida que permite poñer en valor espazos que foron destruidos por esas actividades. O uso das intervencións artísticas será unha das ferramentas presentadas no curso para este fin.
Obxectivo do curso
Introducir ao alumnado no eido da restauración ecolóxica de espazos degradados por actividades extractivas, facendo especial énfase no caso de Galicia.
Destinatarios
Curso dirixido a técnicos do eido das ciencias medioambientais e afíns (enxeñeiros agrónomos , forestais e de minas, biólogos, xeólogos, paisaxistas, etc), así como a todo aquel público interesado na temática. Especialmente orientado para os alumnos que xa cursaron o curso de iniciación.
Competencias adquiridas
Ampliar a visión na interpretación e na procura de solucións técnicas na restauración de ecosistemas degradados como os espazos mineiros.
Contidos
Bloque 1. O sector mineiro no contexto medioambiental
- Principais actividades extractivas
- Principais impactos
- Lexislación ambiental
Bloque 2. Restauración de espazos mineiros
- Posibilidades de restauración de espazos mineiros
- Técnicas convencionais. Exemplos
- Técnicas dende a restauración ecolóxica. Exemplos
Bloque 3. As intervencións artísticas como ferramenta para a restauración ecolóxica en espazos mineiros degradados. Exemplos.
Bloque 4. Síntese e conclusións. Retos e oportunidades dos espazos mineiros restaurados
Caso práctico. Visita guiada ao proxecto de restauración da mina de Meirama (Cerceda, A Coruña).
