A Fundación Juana de Vega, no marco das axudas da Rede Eusumo para a realización de actividades de promoción e impulso do cooperativismo e da economía social, organiza unha serie de xornadas de divulgación de aspectos relacionados co emprendemento innovador no sector agroalimentario, poñendo o foco nas entidades de economía social.
A terceira das catro xornadas previstas para 2024 terá lugar en colaboración coa EFA A Cancela, Centro de Formación Profesional situado no concello das Neves (Pontevedra), os días 10 e 11 de xuño.
A xornada conta cunha primeira parte de divulgación do emprendemento en economía social no sector agroalimentario, charlas sobre aspectos innovadores de mellora da competitividade das empresas agroalimentarias, unha mesa redonda con entidades sociais do sector agroalimentario que apliquen innovación nos seus plans de negocio, así como, cunha visita a unha entidade de economía social da contorna.
Obxectivo
Estas xornadas teñen como finalidade contribuír ao desenvolvemento da cultura do emprendemento e das habilidades innovadoras no sector da produción e da transformación de alimentos con modelos produtivos baseados na economía social que xeren no só impacto económico no medio, senón tamén un impacto social e ambiental positivo no territorio.
Trátase tamén de mellorar a competitividade das empresas agroalimentarias a través de varios obxectivos:
- Coñecer os elementos máis relevantes dunha estratexia de comunicación.
- Coñecer as novas tendencias de comunicación, deseño e presentación dos produtos agroalimentarios.
Así mesmo, as xornadas axudarán a crear sinerxías entre os centros educativos colaboradores e as empresas agroalimentarias da zona, así como entre o alumnado dos centros e o ecosistema empresarial da comarca.
A quen se dirixe?
As xornadas teñen tres grupos destinatarios:
- Produtores primarios locais que poden incrementar a rendibilidade da súa explotación con novas ideas de negocio vinculadas a pequenas transformacións a escala artesanal e produtos alimentarios de calidade.
- Os propietarios ou traballadores de pemes agroalimentarias interesados en abordar novos desenvolvementos innovadores.
- Alumnos e alumnas das escolas participantes (a gran parte deles menores de 30 anos) que poden ser futuras persoas emprendedoras, ben como remuda das explotacións familiares ou como traballadores das entidades do sector agroalimentario.
Prazas
10 prazas dispoñibles