Xornada sobre economía social e innovación no sector lácteo

Share

O mércores, 24 de xaneiro organizamos en colaboración co Centro de Promoción Rural - EFA Fonteboa a 2ª parte das Xornadas de emprendemento e innovación en economía social no sector agroalimentario. A acción está enmarcada no ciclo financiado pola Rede Eusumo - Economía Social de Galicia 2024.

Alfonso Pérez, CEO da consultora lucense FoodTec, abriu os relatorios introducindo aos asistentes en “Tendencias en innovación do sector lácteo” en base á súa experiencia como asesor de empresas de todo o mundo. A continuación, abrimos unha mesa redonda sobre innovación e economía social no sector lácteo moderada polo director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade Calvo. Os participantes foron responsables de entidades e empresas da cadea de valor como José Manuel Rial, de Granxa Moreira (Muxía); Melchor García e Jessica Rey, das cooperativas COREBER (A Laracha) e CLUN (Ames); e José Delgado, de Quesería De mi tierra. Andrade Calvo puxo de manifesto a importancia do sector lácteo no PIB de Galicia e o proceso de concentración da produción. A industria é, precisamente, a parte máis débil do conxunto e iso fai que boa parte do leite galego marche fóra sen transformar, que é o proceso no que se xeraría un maior valor engadido.

Participantes na mesa redonda
CLUN (Cooperativas Lácteas Unidas) é o resultado da unión doutras tres coopeativas históricas galegas: Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto. Conta con 3.500 socios. Ademais da división láctea, centra a actividade na recollida, envasado e distribución de leite e outros derivados lácteos baixo as marcas ÚniclaClesaFeiraco e Arquega. Jessica Rey, responsable de márketing de CLUN, destacou como exemplo de innovación o leite Únicla, que se logra a través da alimentación dos animais.

Melchor García, de Coreber, explicou que no seu caso potenciaron o leite A2-A2, que é máis dixestivo porque non ten caseína A1 beta. Foi unha oferta da cooperativa aos gandeiros socios que se apoia na mellora xenética do rabaño de frisonas. Ademais, na procura de novos nichos para a transformación da materia prima, desde hai uns dous anos véndenlle o leite a Quesería De mi tierra, dedicada á fabricación de queixos latinos, sobre todo de Venezuela, desde Carballo. É unha iniciativa de Alejandro Morales, veterinario venezolano que en 2022 se instalou na capital de Bergantiños e, buscando novas saídas profesionais, apostou por ofrecer este produto tradicional aos seus compratiotas asentados en Galicia. No seu catálogo tamén hai algunhas variedades de queixo galego.

Pola súa banda, José Manuel Rial, da Granxa Moreira, explicou que 2009, a baixada do prezo do leite obrigounos a reconverter e diminuír o tamaño da súa explotación familiar para vender directamente leite pasteurizado na contorna da Costa da Morte. Reduciron o número de cabezas e cambiaron de raza, algo que agora volverá facer para aumentar a cantidade de proteínas do leite e producir iogur dun xeito máis natural.

Visita a Bico de Xeado
Cerramos o día cunha visita ás instalacións de Granxa O Cancelo (Miño, Bergondo), unha explotación leiteria propiedade da Cooperativa Agraria Provincial da Coruña (CAP). Alí poidemos coñecer in situ o modelo de comercialización o seu propio leite para elaborar os xeados da marca Bico de Xeado, un auténtico éxito comercial.