O 10 de xullo celebrouse en Santiago de Compostela a xornada de posta en marcha da Rede de Traballo de RURALtXA!. O encontro, organizado pola UDC e a USC en colaboración coa Fundación Juana de Vega, reuniu na Cidade da Cultura a 22 persoas relacionadas coa gandaría extensiva, o sistema tradicional de cabalos salvaxes no monte, a apicultura e as actividades de ecoturismo das catro áreas piloto de RURALtXA!, ademais de ao equipo do proxecto.
Na xornada presentouse á Fundación Juana de Vega, como entidade con ampla experiencia e prestixio no sector agroalimentario e de emprendemento en Galicia, que colaborará con RURALtXA! na posta en marcha do conxunto de ferramentas para impulsar a bioeconomía nos territorios da Rede de Traballo.
Tras unha benvida e breve introdución ao proxecto por parte de Jaime Fagúndez (profesor da UDC e coordinador de RURALtXA!), Ramón Díaz-Varela (profesor da USC e coordinador técnico do proxecto) presentou a Rede de Traballo, e Beatriz Suárez (directora de Desenvolvemento Rural da Fundación Juana de Vega) explicou o proceso que se seguirá para o deseño e posta en marcha de ferramentas para proporcionar valor engadido aos produtos, mellorar as capacidades de comercialización, e diversificar a actividade agrogandeira mediante o ecoturismo asociado á mesma. Despois, Román Sánchez Besteiro, da Cooperativa Carqueixa, nunha charla inspiradora, explicou aos asistentes o proceso de creación da cooperativa e os distintos elementos que marcaron a súa exitosa posición a día de hoxe.
Nunha segunda parte da xornada, a Fundación Juana de Vega e a empresa IUNI desenvolveron unha metodoloxía participativa para coñecer distintos puntos de vista, sensibilidades, intereses e necesidades en canto á promoción e comercialización dos produtos e servizos das áreas piloto, que permitan definir as bases para o plan de promoción.
Con esta xornada comeza a singradura da Rede de Traballo, un elemento fundamental do proxecto para impulsar a bioeconomía ligada á conservación da biodiversidade de queirogais e turbeiras nas catro Áreas Piloto nas que se desenvolve o proxecto en Galicia.
Gandaría extensiva, cabalos salvaxes, apicultura ou ecoturismo son algunhas das actividades compatibles, e nalgúns casos necesarias, coa conservación e o bo estado de conservación destes ecosistemas tan únicos. A Rede de Traballo de RURALtXA! pretende sentar na mesma mesa a todos os axentes clave, unindo os esforzos de todos eles para alcanzar ese obxectivo común de poñer en valor os produtos vinculados coa conservación destes hábitats de interese comunitario.
Quen pode formar parte da rede?
Poderán formar parte da Rede de Traballo os comuneiros e outros propietarios dos montes que participan no proxecto (das áreas piloto) e especialmente aqueles que desenvolven actividades tradicionais vinculadas á conservación de queirogais e turbeiras, é dicir, gandeiros, propietarios de cabalos, apicultores, persoas que desenvolven actividades de ecoturismo, entre outras.
Entre as ferramentas para impulsar a bioeconomía no marco da Rede, considéranse un plan de promoción, a creación dunha marca diferenciadora que vincule estes produtos coa conservación destes hábitats de interese comunitario e o desenvolvemento de accións piloto relacionadas coa promoción da venda de produtos a nivel local e co ecoturismo. Tamén está previsto realizar visitas a casos de éxito ou impartir actividades formativas.