A presidenta e o tesoureiro do Museo do Pobo Galego, Concha Losada e Lino Lema, visitaron a Fundación Juana de Vega o pasado mércores 19. Recibiunos o presidente, Enrique Sáez Ponte. Durante a visita, este explicoulles as actividades da Fundación.
O encontro abriu portas a futuras colaboracións como a posta en valor de sistemas tradicionais de cultivo para fomentar unha produción agrícola sostible e o desenvolvemento de circuítos curtos de comercialización. Tamén valoraron accións conxuntas na conservación de construcións, ferramentas e produtos vinculados a modos de vida tradicionais a través dunha rede de institucións especializadas espalladas por un país cun enorme patrimonio.
O Museo do Pobo galego pode actuar como cabeceira pola enorme experiencia e coñecementos que leva acumulados. Este tipo de centros promoven, ademais, turismo de calidade e fomentan o mantemento de poboación activa no medio rural.
Por último, abordouse a posibilidade de canalizar fondos europeos para eses temas e outros que podan xurdir da colaboración entre ambas organizacións da sociedade civil, a través de proxectos nos que tamén participen outros.