Visita de Alfonso Villares á exposición "As mulleres e o mar"

Share

O presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez Ponte; o director, José Manuel Andrade Calvo; e a directora da Cátedra Juana de Vega e comisaria da mostra, Luisa Muñoz Abeledo, acompañaron este mediodía ao conselleiro do Mar en funcións, Alfonso Villares, na visita que realizou á exposición "As mulleres e o mar".

No percorrido participaron tamén o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, e a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias Fernández.

Tal e como destacou o director da Fundación Juana de Vega durante a inauguración o pasado 20 de marzo, “esta exposición conecta de cheo cos obxectivos da Cátedra Juana de Vega que, ademais de estudar as iniciativas e os procesos modernizadores do agro galego, ten como misión facer visible o importante papel que as mulleres, de xeito case oculto e calado, desenvolveron ao longo da historia para favorecer o progreso económico e social da sociedade rural galega. Neste caso, no eido da cadea de valor do mar, compatibilizándoo co traballo agrario para mellorar o sustento económico familiar”.

Próxima parada
A exposición "As mulleres e o mar" estará aberta ata o martes, 9 de abril no Pazo de Fonseca (Santiago de Compostela). O seguinte destino será o Museo do Mar de Galicia, en Vigo.