Visita da asociación portuguesa ForestWISE

Share

Esta semana tivemos a oportunidade de coñecer á asociación CoLAB ForestWISE (Vila Real, Portugal) e compartir o noso traballo e metodoloxías sobre procesos participativos destinados a mellorar a resiliencia do territorio galego fronte aos incendios forestais, unha das áreas estratéxicas de actuación para a Fundación Juana de Vega.

O ForestWISE – Laboratório Colaborativo para a Gestão Integrada da Floresta e do Fogo é unha asociación que promove a xestión integrada do bosque e da loita contra o lume, con base en actividades de coinvestigación e desenvolvemento, transferencia de coñecemento e tecnoloxías, actuando como aglutinador entre a industria, a academia e a administración pública con impactos nos dominios do bosque e do lume na sociedade.

Dous días
Tras a reunión de presentación na nosa sede en San Pedro de Nós (Oleiros) na tarde do 17 de xaneiro, ao día seguinte achegámonos á comarca do Barbanza para visitar co equipo dúas Comunidades de Montes en Man Común consideradas casos de éxito en xestión forestal con implicación social: a de Baroña (Porto do Son) e o de Froxán (Lousame) xunto co seu programa educativo Montescola. Aquí incluso poidemos plantar un castiñeiro, como fan todas as visitas do seu programa de voluntariado ambiental! O ano que vén volveremos para comprobar a súa evolución.

Foi un encontro fructífero entre dúas entidades afíns que, agardamos, poida materializarse en proyectos conxuntos a través dos que canalicemos o noso obxectivo fundacional: continuar promovendo o desenvolvemento rural desde múltiples perspectivas.

Máis información sobre as Comunidades de Montes Veciñais en Man Común de Froxán e Baroña

CMVMC de Froxán (Lousame). Ten unha superficie dunhas 100 hectáreas. Tras un incendio forestal en 2006 decidiron cambiar o seu modelo produtivo de monocultivo e substituílo progresivamente pola introdución de especies autóctonas. Nos últimos anos, implicaron activamente á sociedade en xeral nos seus esforzos de conservación e restauración, sobre todo traballando con nenos, escolas, familias e organizacións ecoloxistas. Estes grupos axudaron a recuperar zonas degradadas afectadas pola actividade mineira e as especies invasoras mediante a reforestación participativa con especies autóctonas. A través destas actividades, a comunidade está a desenvolver un programa continuo de educación e sustentabilidade (Montescola), mostrando o potencial da xestión comunitaria da terra para abordar problemas ambientais e sociais perentorios.

CMVMC de Baroña (Porto do Son). Abarca unha superficie de 846 hectáreas. É un excelente exemplo de silvicultura multifuncional, que inclúe a produción de madeira, a gandería extensiva, a produción de resina e a recuperación de bens patrimoniais. A cría de diverso gando no monte, o aproveitamento resineiro dos piñeiros, un coto micolóxico ou un apiario son algúns dos proxectos que están a impulsar e que se traducen en rendementos económicos para os 184 comuneiros que conforman a entidade veciñal. Ademais, o seu traballo no monte deixa beneficios intanxibles aos visitantes e veciños da zona que se achegan a estes espazos naturais. Comezaron empregando a dous traballadores e hoxe contan cunha cuadrilla de 10 persoas que se centran tanto en traballos de silvicultura como no coidado do gando.