A Fundación Juana de Vega, dentro do marco das súas iniciativas relacionadas coa arquitectura da paisaxe, está desenvolvendo o V Curso de Enxeñería en proxectos de Xardinería e Paisaxismo, no que se analizan as novas tendencias internacionais no deseño de arquitectura da paisaxe.
No curso participa a firma WEST8 de Rotterdam (Holanda) que gañou diversos concursos internacionais polas súas intervencións a gran escala na paisaxe.
A Fundación Juana de Vega organiza este curso de Enxeñería en Proxectos de Xardinería e Paisaxismo como actividade complementaria de formación do Master de Arquitectura da Paisaxe Juana de Vega e o seu contido céntrase no estudo de aspectos relacionados co deseño e a análise das novas tendencias internacionais.
Para iso cóntase con profesionais como Roman Lenz e Ingrid Schegk da Universidade de Nürtingen-Geislingen e de Weihenstephan University of Applied Sciences (Alemania) respectivamente, que analizaron os novos métodos e instrumentos no deseño.
Esta fin de semana participa unha das firmas máis prestixiosas a nivel internacional de arquitectura da Paisaxe, WEST8, de Holanda. Esta empresa foi fundada en 1987 por Adriaan Geuze e actualmente está formada por un equipo multidisciplinar de arquitectos da paisaxe, arquitectos, urbanistas e enxeñeiros que deseñan intervencións na paisaxe, planeamentos urbanos, prazas, parques, etc.
Baixo a dirección de Adriaan Geuze este equipo é líder na práctica do deseño urbano e paisaxismo en Europa. Traballou en cidades como Copenhage, Paris, Londres, Zurich, Viena, Nueva York, Madrid e Toronto e gañou diversos concursos internacionais por traballos como: Praia de Palma (2008), Toronto Central Waterfront (2006), Markeroog, IJ-meer, Markermeer, The Netherlands (2006), Yuntolovo en San Petersburgo (2007), etc. Son famosas as súas actuacións na paisaxe como as de Danube Site en Budapest no ano 2008, ou as de Grand Egyptian Museum Park, no Cairo e en Santa Giulia en Milán no 2004, entre outras.
Segundo os seus criterios, as intervencións a gran escala nas cidades requiren tomar como referencia o contexto local, a historia, a paisaxe e a ecoloxía que a rodea co obxectivo de crear unha identidade urbana única. A súa filosofía de deseño está baseada nunha actitude optimista cara a paisaxe contemporánea, na que se expresa a vulnerabilidade e a euforia da cultura de masas. A paisaxe, infraestrutura, natureza e arqueoloxía fusiónanse para formar os elementos vitais da cidade.
No curso, o arquitecto paisaxista Christian Dobrick, Director de Proxectos de West 8, explicará as intervencións realizadas no parque lineal do Manzanares en Madrid, concretamente a planificación das ribeiras e o novo espazo urbano e o proxecto de espazos urbanos e áreas da paisaxe do proxecto Montecity, en Santa Giulia, Milán, cuxo master plan foi deseñado por Norman Foster.
Por outra parte, Madalen G. Bereziartua, arquitecta de West8 explicará a actuación realizada na Praia de Palma de Mallorca, proxecto que foi merecedor do premio internacional para o desenvolvemento social, económico e medioambiental da zona.
Estas xornadas supoñen o broche final da primeira edición do Master de Arquitectura da Paisaxe Juana de Vega, título propio da Universidade da Coruña e de Santiago de Compostela, que está homologado a nivel europeo polo Consello Europeo de Escolas de Arquitectura da Paisaxe (ECLAS) e cuxo prazo de matrícula para a segunda edición xa está aberto..
Oleiros, 14 de xuño de 2008.