A casa da rúa Real, na Coruña, onde viviu Juana de Vega ten desde hoxe unha placa para lembrar a historia da benfeitora coruñesa. O presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez, e o alcalde da cidade, Xulio Ferreiro, foron os encargados de presidir este acto de homenaxe, que permitirá que todos os que se acheguen ata esta céntrica e comercial rúa coruñesa poidan coñecer algo máis deste importante personaxe histórico. Tamén estiveron presentes diversos membros do Padroado da Fundación Juana de Vega, como Ramón Villares, Roberto Tojeiro e Vicente Arias Mosquera, así como o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade, e a directora da Escola Galega da Paisaxe, Isabel Aguirre.
No seu discurso, Enrique Sáez lembrou que foi precisamente desde o balcón desta casa onde Juana de Vega viu por primeira vez ao que despois sería o seu marido, Francisco Espoz y Mina, e destacou o “labor importantísimo” desta vivenda como “centro do liberalismo”, onde se falaba de temas importantes coma “a pena de morte”, e que incluso chegou a ser “unha casa vixiada pola policía”. Por estes salóns pasaron figuras destacadas da intelectualidade galega como Concepción Arenal, citou Sáez, quen tamén fixo repaso ao “importante labor social e cultural” deste escenario, onde Juana de Vega participou como colaboradora nos xogos florais do Rexurdimento, onde se iniciou o camiño para abrir un hospital siquiátrico en Conxo e onde se sentaron as bases para o que despois sería a Fundación Juana de Vega.
Código QR en 14 idiomas
O presidente da Fundación Juana de Vega tamén falou dos problemas que tiña facer unha lámina de bronce onde se recollera toda a historia e o traballo da benfeitora, polo que se decidiu facer unha placa sinxela, como sería seguramente a intención da propia Juana de Vega, en cerámica de Sargadelos, cun código QR. Os visitantes que se acheguen ata a vivenda e escaneen a imaxe co seu móbil poderán saber máis da súa historia en 14 idiomas diferentes, incluídos os cinco oficiais de España.
Pola súa banda, Xulio Ferreiro enmarcou a figura de Juana de Vega nesa “Coruña social e progresista”, pola súa loita contra as desigualdades sociais, algo que segue a ser “un problema real” e tamén un “reto de inmensa magnitude” para o Concello que dirixe. O alcalde apostou por “non esquecer o legado” desta gran muller, que defendeu a igualdade “no seu sentido máis amplo”, poñendo o énfase “sempre nas persoas”.