Unha biografía, un congreso internacional e unha exposición itinerante serán os eixos das actividades organizadas con motivo do 150 aniversario do falecemento de Juana de Vega

Share

A Coruña, 22 de xuño de 2022.- A Real Academia de Belas Artes acolleu hoxe a presentación dos actos organizados pola Fundación Juana de Vega con motivo do 150 aniversario do falecemento da ilustre coruñesa, que desenvolveu unha intensa actividade benéfica e social, unha muller progresista e liberal, avanzada para a súa época, que deixou unha gran impronta non só na cidade da Coruña senón tamén en toda Galicia e resto do Estado. O acto tivo unha forte carga simbólica porque coincide coa data do seu falecemento, o 22 de xuño de 1872.

Juana de Vega deixou todo o patrimonio para constituír a fundación que leva o seu nome, e que recolleu o seu legado desenvolvendo unha intensa actividade orientada ao desenvolvemento dos espazos rurais de Galicia a través do apoio ao emprendemento, a investigación e innovación agraria, así como a sensibilización e formación en temas relacionados coa paisaxe e o territorio. Así o indicaba o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez, que participou neste acto xunto co secretario xeral de Educación e Formación Profesional da Xunta de Galicia, José Luis Mira; o primeiro tenente de alcaldesa do Concello da Coruña, Juan Ignacio Borrego, e a directora da Cátedra Juana de Vega da USC, Luisa Muñoz.

“Juana de Vega segue a traballar pola sociedade 150 anos despois”, salientou neste sentido Enrique Sáez, que destacou o acerto do lugar elixido para a presentación, a sede do Real Consulado, onde traballou moito tempo o pai de Juana de Vega. Ademais, este edificio alberga a primeira biblioteca pública da Coruña, que inclúe os fondos cedidos pola benefactora, sobre a que destacou a relevante posición acadada nunha época na que non era habitual que as mulleres participaran na toma de decisións. Neste complexo contexto, xerou unha rede de mulleres, das que formaban parte a raíña Isabel II ou Concepción Arenal, coas que desenvolveu diversas iniciativas sociais. Tamén foi presidenta da Cruz Vermella en Galicia ou a Asociación de Señoras, que creou un hospital para atender a enfermos da peste, onde estivo traballando en primeira liña.

Pola súa banda, José Luis Mira destacou a figura de Juana de Vega, ás veces “non suficientemente recoñecida” e que deixou unha grande impronta en todo o Estado e xogou “un papel destacado en ideas progresistas e liberais e unha gran conciencia social, que se puxo de manifesto coa pandemia do cólera”. Destacou a súas vocación pola educación das mulleres como motor de progreso, nun momento en que o acceso a este ámbito estaba circunscrito aos homes. Así mesmo, agradeceu o labor da Fundación Juana de Vega na posta en valor da paisaxe e o desenvolvemento rural así como a difusión da figura e a imaxe de Juana de Vega. Entre as accións que desenvolverá a Xunta de Galicia sobre a ilustrada coruñesa, destacou o deseño dunha unidade didáctica sobre a súa figura dirixida aos centros educativos, así como a súa colaboración nas actividades organizadas pola Fundación.

Pola súa banda, Juan Ignacio Borrego presumiu da súa condición de “tenente de alcaldesa”, nunha cidade cunha “grande forza da muller na conformación da súa identidade”. Así, lembrou que os catro nomes que presiden a vidreira do Salón de Sesións do Palacio Municipal son os de catro mulleres: Juana de Vega xunto a María Pita, Rosalía de Castro e Concepción Arenal. Un salón construído a principios do século XX, e ideado por políticos varóns, o que “da testemuña do valor do que supón para A Coruña a aportación da muller ao seu desenvolvemento social”. Tamén transmitiu o agradecemento e recoñecemento da alcaldesa, polo feito de que o legado de Juana de Vega siga enfocado a traballar nun eido ao que é tan difícil chegar ás veces como é o mundo rural, seguindo o seu ideario.

Respecto do programa de actividades a desenvolver, destaca a publicación dunha ampla e documentada biografía en galego de Juana de Vega, da que é autor o historiador e profesor da Universidade de Santiago de Compostela Xosé Ramón Veiga, e que nestes momentos estase a preparar en Editorial Galaxia. Tamén se publicará una versión en español, neste caso a cargo da editorial Marcial Pons.

Ao longo este ano celebrarase tamén un congreso internacional destinado principalmente ao estudo do papel da muller na sociedade, organizado pola Cátedra Juana de Vega, e que leva por título “Contemporáneas: políticas, traballadoras e facedoras de sociedade”. Celebrarase na Facultade de Historia da USC os días 20 e 21 de outubro, coa tripla perspectiva de acoller investigacións recentes sobre a muller en ámbitos como a historia política a social ou a económica. Participarán convidadas de moito prestixio, como catedráticas de distintas universidades como Barcelona, Valencia ou Granada. “Estamos entusiasmadas, porque temos moitas comunicacións de gran nivel para cada un dos paneis, o que é todo un éxito, pola amplitude dos puntos de vista na reivindicación do papel social da muller”, destacou a directora da cátedra, Luisa Muñoz.

No ámbito das exposicións figura a mostra itinerante sobre a vida e a traxectoria de Juana de Vega, organizada en común pola Cátedra e a Fundación, que iniciará o seu percorrido na cidade da Coruña, concretamente na Casa da Cultura Salvador de Madariaga en torno ao mes de decembro. Posteriormente rotará polas principais cidades de Galicia, recalando ademais en Monforte de Lemos, terra da nai de Juana, e en Mondoñedo, de onde era orixinario o seu pai. Para acompañar esta exposición nas súas distintas sedes itinerantes está previsto un ciclo de conferencias arredor da figura de Juana de Vega e do papel da muller na sociedade do século XIX e principios do XX.

A Fundación Juana de Vega quixo facer coincidir coa data de hoxe a presentación do programa, coincidindo coa data do 150 aniversario do falecemento da ilustre benefactora coruñesa.

No acto participaron o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez; o secretario xeral de Educación e Formación Profesional da Xunta de Galicia, José Luis Mira; o primeiro tenente de alcaldesa do Concello da Coruña, Juan Ignacio Borrego, e a directora da Cátedra Juana de Vega da USC, Luisa Muñoz