Oleiros, 30 de outubro de 2013.- A sede da Fundación Juana de Vega acolleu esta mañá o acto de lectura do fallo e entrega do Premio Juana de Vega de Arquitectura 2013. Unha cita moi especial xa que este ano o certame cumpre a súa décima edición, consolidado como un dos máis destacados do sector e creado pola Fundación Juana de Vega para recoñecer o labor dos arquitectos que, cos seus proxectos, contribúen á mellora da calidade paisaxística de Galicia. Este galardón, de carácter anual, é o de maior dotación que se convoca na comunidade para proxectos de arquitectura. Nel prémiase a mellor vivenda unifamiliar, tanto de nova planta como de rehabilitación, rematada no ano natural anterior á convocatoria, neste caso 2012.
No acto estiveron presentes o decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Antonio Maroño, que actuou como presidente do xurado, así como o presidente da Fundación Juana de Veiga, Enrique Sáez. Ambos destacaron a gran proxección e prestixio alcanzados por este certame no seus dez anos de vida e puxeron de manifesto a altísima calidade dos traballos presentados nesta edición, o que fixo moi difícil elixir a obra gañadora. "Existe unha crise de promotores, pero non de creatividade na arquitectura", proclamaba neste sentido Antonio Maroño. Tamén chamaron a atención sobre a tendencia actual cada vez máis presente na arquitectura feita en Galicia, e por tanto nos deseños que se presentaron ao certame, de recuperar vellas edificacións do rural galego e polas en valor fusionando arquitectura moderna e de calidade. Neste sentido, lembraba Enrique Sáez que Galicia é unha comunidade que historicamente tivo unha alta densidade de poboación no rural, pero o éxodo masivo ás cidades deixou moitas casas en estado de abandono. Por tanto, celebrou que se estea recuperando ese patrimonio e devolvéndolle o posto que lle corresponde no territorio galego.
Galardoados
A encargada de ler a acta do xurado foi Isabel Aguirre, directora da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, que destacou das obras galardoadas, o seguinte:
Premio
A vivenda gañadora do Premio Juana de Vega de Arquitectura está situada en Redonda (Corcubión) e os seus autores son Juan Creus e Covadonga Carrasco, cuxo estudo está na Cidade Vella da Coruña. O xurado destaca que se trata dun proxecto maduro que consegue integrar moi ben un edificio novo nun espazo dunha edificación preexistente, respectando o volume e a fachada orixinais e a harmonía do conxunto de casa, terreo e edificacións auxiliares. Así, destaca elementos como a galería posterior en mármore, que substitúe á do volume orixinal, que abre espazos interiores á espléndida paisaxe sobre o Cabo Fisterra, os patios e terrazas situados a ambos os dous lados da casa que facilitan os accesos á súa contorna de horta e xardíns que descenden até o mar e a inclusión de elementos preexistentes, como o hórreo e os muros, coidando o seu valor histórico e aproveitando as posibilidades de uso da casiña do xardín.
Accésit
Os accésits foron concedidos a dúas vivendas. A primeira delas está situada na Urbanización Pazo de Ramirás, 61 (Ourense), do arquitecto Quico Jorreto. Trátase dunha obra nova, con vistas ao Miño, que combina moi ben unha presenza plástica poderosa cun uso racional dos espazos interiores, limpos e ben distribuídos. Os sistemas de peche das superficies cristaleiras permiten seleccionar varios ambientes, entre a total apertura e o recollemento presidido polos pequenos pradairos do xardín interior. A auga da piscina, sobre a cuberta e aos lados da pérgola de entrada, é tamén un elemento construtivo máis, que dialoga co formigón, vidro e aceiro.
O outro accésit foi para unha casa no lugar de Portanova, Coeses (Lugo) do arquitecto Emilio Rodríguez. Conflúen nela dous usos: vivenda e taller de artes plásticas. O edificio ocupa o espazo dunha casa rural integrada nunha aldea de gran valor etnográfico, contribuíndo a darlle nova vida. O proxecto combina a recuperación dos muros de pedra da leira, cunha construción de formigón recuberta dunha fachada de madeira de pradairo, que vai adquirindo unha cor gris característica e que harmoniza cos muros. A eficiencia enerxética da obra complétase co deseño de ocos pequenos ao norte e a apertura de xanelas amplas ao pequeno xardín.
Mencións especiais
Con respecto ás dúas obras de interese especial que o xurado quixo destacar, resalta unha vivenda unifamiliar na Ribeiriña (Pobra do Caramiñal) do arquitecto Iñaki Leite. Unha construción aberta ao mar, limitada por un solar pequeno e con forte pendente, cuxa calidade destaca especialmente polo uso de madeira reciclada proveniente das bateas de mexillón que poboan a ría veciña e pola eficacia do tratamento enerxético.
Tamén destaca o xurado unha casa en Tebra (Tomiño) dos arquitectos Guadalupe Piñera e Jesús Irisarri. Trátase dun edificio singular polo elegante deseño da planta baixa e a integración dos muros de pedra dunha casa preexistente. Destaca o emprego de diversas capas de materiais que envolven a casa, e dan pé a xogos de luces e temperatura, así como a cortina envolvente exterior, feita de aluminio e similar ás que se usan nos invernadoiros da zona.
O xurado
Os integrantes do xurado desta décima edición foron o decano do COAG, Antonio Maroño Cal (presidente); a directora da Escola Galega da Paisaxe, Isabel Aguirre (secretaria) e os vogais Enrique Sáez (presidente da Fundación Juana de Vega); Fernando Agrasar (director da Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC), así como Gonçalo Byrne, Salvador Fraga, Manuel Caamaño e Xavier Seoane.
O xurado quixo subliñar que, durante a década que leva existindo o premio, obsérvase unha continua mellora das solucións empregadas para crear vivendas unifamiliares, o que reflicte o esforzo dos arquitectos por ofrecer solucións de deseño moderno, adaptadas a realidade de cada caso, -incluído en moitos casos o respecto a edificacións preexistentes-, pero tamén a evolución das pautas sociais que fan que os promotores das casas conecten a miúdo coas novas tendencias da arquitectura galega. Nesta confluencia está a clave de que, a pesar da crise do sector da construción, o número de obras presentadas ao premio se manteña alto e que a tarefa do xurado para tomar decisións sexa, cada vez, máis complicada pola alta calidade dos traballos.