A sede da Fundación Juana de Vega acolleu esta mañá a lectura do fallo e entrega do Premio Juana de Vega de Arquitectura 2015, que acada este ano a súa duodécima edición. No acto estiveron presentes o decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Antonio Maroño; o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez, e a directora da Escola Galega da Paisaxe, Isabel Aguirre, ademais do director da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, Fernando Agrasar.
O presidente da Fundación Juana de Vega lembrou que o premio ten unha clara orientación social, co obxectivo de destacar o que se fai ben para axudar a que a sociedade evolucione. Destacou tamén o feito de que o galardón premie tanto aos arquitectos como aos propietarios das vivendas gañadoras, xa que ambos son dous elementos fundamentais. “Os dous teñen que arriscar un pouco para facer algo diferente”, explicou, para engadir que é moi importante a conexión que ten a Fundación Juana de Vega coa profesión do arquitecto, xa que ambas teñen moito que ver co xeito de recoñecer o espazo físico do país e poñelo en valor.
Pola súa banda, o decano do COAG afirmou que os Premios Juana de Vega de Arquitectura son un dos fitos máis importantes do ano no sector en Galicia. Dos profesionais suliñou a súa imaxinación e esforzo para acadar resultados brillantes, e dos propietarios a súa confianza nos arquitectos e o respecto ao seu traballo. Concluiu manifestando que estes premios pasarán a formar parte do imaxinario colectivo e os cambios de visión na profesión para buscar solucións a novos e a vellos problemas.
Lectura da acta
Tras as intervencións, a directora da Escola Galega da Paisaxe, Isabel Aguirre, procedeu á lectura da acta do Premio. O galardón para unha vivenda unifamiliar, rematada no 2014, foi concedido aos arquitectos Juan Creus e Covadonga Carrasco pola súa obra Casa Chao, situada no casco histórico de Corcubión (A Coruña). O xurado destaca o aproveitamento logrado nun solar estreito de longa fachada lateral e a sinxeleza do deseño desta, en branco cunha pregue no centro, que convive de xeito harmónico co conxunto de edificios tradicionais no que se integra, aportando unha nota de modernidade que o enriquece. Tamén cómpre subliñar a eficaz distribución interior para cumprir cos obxectivos dos promotores e o uso equilibrado de materiais diversos (cemento, madeira, mármol) que consegue un contorno ben resolto ata o detalle e, ao mesmo tempo, confortábel e luminoso.
Dosesmas arquitectos S.C.P. logrou o accésit pola súa vivenda Choupana House, na rúa Luis Vázquez Parga, nº 9, en Santiago de Compostela. O edificio sitúase nun conxunto de casas baratas dun barrio popular de Santiago e adáptase perfectamente ás limitacións do respecto da fachada e volumes que esixe o Plan Xeral. De feito, trátase case dun edificio dentro doutro que se abre cara ao patio posterior, de orientación sur, para recoller a luz e a calor. A casa resólvese cun deseño actual, economía de materiais e boa adaptación aos espazos permitidos. Cómpre destacar que os seus promotores, persoas de idade avanzada, apostaron por un deseño moi moderno feito por arquitectos mozos.
O xurado decidiu outorgar unha mención destacada á casa situada en A Ferreirúa (Nogueira de Ramuín), na Ribeira Sacra, do arquitecto Manuel Jorreto, por ser un bo exemplo do que se pode facer con poucos medios, respectando unha edificación representativa da arquitectura popular e moi ben integrada nunha contorna paisaxística excepcional.
O xurado
O integrantes do xurado de esta duodécima edición foron o decano do COAG, Antonio Maroño Cal (presidente); a directora da Escola Galega da Paisaxe, Isabel Aguirre (secretaria) e os vocais Enrique Sáez (presidente da Fundación Juana de Vega), Fernando Agrasar (director da Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC), e os arquitectos e expertos en arte Gonçalo Byrne, Manuel Caamaño, Salvador Fraga e Xavier Seoane.