A Fundación Juana de Vega continúa, unha edición máis, colaborando coas persoas para “tecer o futuro da Galicia rural”, tal e como reza o lema do Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias que o ano que vén cumprirá catorce edicións en activo sendo a única iniciativa destas características en Galicia. O último día para candidatarse é este venres, 5 de decembro a través do formulario habilitado na web https://programadeapoyo.juanadevega.org. Aquí, os interesados poden atopar máis información e as bases da convocatoria.

Desde 2012, a Fundación Juana de Vega impulsa con fondos propios o Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias, acompañado neste tempo a uns 130 beneficiarios radicados por toda a comunidade. “O apoio aos emprendedores e empresas rurais é unha tarefa central para a Fundación Juana de Vega. Son axentes dinámicos da sociedade civil que crean riqueza vinculada ao territorio. Eles aprenden aquí a consolidar e facer crecer os seus proxectos e nós aprendemos deles novas oportunidades de mellora do noso mundo rural”, ten manifestado Enrique Sáez Ponte, presidente da entidade.
No Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias poden participar iniciativas nos campos agroalimentario, tanto produción como transformación ou comercialización; proxectos do sector forestal, bioeconomía, planta ornamental, tamén marisqueiro e pesqueiro ou proxectos de base tecnolóxica e servizos que dean soporte aos anteriores. Todos teñen que estar localizados en Galicia e poñer en valor os recursos do territorio.
Dúas modalidades e un ano de acompañamento
O programa consta de dúas modalidades. A primeira, denominada “Emprendemento” está orientada á creación de novas empresas, sucesións ou á recuperación de negocios familiares. O obxectivo é acompañar aos emprendedores no desenvolvemento das súas ideas para convertelas en modelos factibles e viables, minimizando na maior medida posible os riscos derivados da súa posta en marcha, que sempre dependen de moitos factores externos e tamén internos.
A segunda modalidade, “Crecemento e consolidación”, está dirixida a empresas existentes. Pretende axudar a autónomos, pemes e micropemes a mellorar o funcionamento dos seus negocios prestándolle apoio en áreas que precisen un impulso. Entre outras accións, poderán focalizarse en aspectos como control da xestión, estudos económicos e financeiros, organización corporativa, investigacións de mercado, comerciais, venda online, comunicación ou márketing, entre outros moitos.
A selección dos 12 beneficiarios, ata 6 por modalidade, farase en xaneiro de 2026. Despois, ao longo do ano, irán cubrindo diferentes fases complementarias e escalables para completar, cada un, 50 horas de formación e 25 de titorías totalmente personalizadas e adaptadas ás súas necesidades.
