Últimas semanas para presentarse ao Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe 2024 na categoría “Edificacións e instalacións produtivas no medio rural”

Share

O prazo para enviar os proxectos ao Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe 2024, categoría “Edificacións e instalacións produtivas no medio rural”, finaliza o próximo venres, 19 de xullo.

O obxectivo do galardón, que se estrea por primeira vez este ano, é recoñecer a calidade construtiva e correcta integración paisaxística de todo tipo de construcións vinculadas con procesos produtivos no medio rural. A tipoloxías de proxectos que poden optar ao premio abrangue desde granxas a naves, fábricas, adegas, serradoiros e instalacións auxiliares ou calquera instalación produtiva de calquera sector económico asentado no medio rural como plantas industriais.

Composición do xurado
O xurado do Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe 2024 estará integrado por sete profesionais de recoñecida traxectoria. Son: Julio García Cordonié, decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais (COIIG); Jorge Piñeiro Portela, representante do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia (COIAG), que intervén en delegación do decano, Pedro Calaza, director da Escola Galega da Paisaxe; Inés Santé Riveira, doutora en Enxeñería Agrónoma, profesora do Departamento de Enxeñería Agroforestal da Universidade de Santiago de Compostela (Campus Terra, Lugo) e anterior directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER); Enrique Luis de Salvador Sánchez, director do Instituto de Estudos do Territorio (IET) da Xunta de Galicia; Jesús Sánchez García, catedrático de Historia da Arte da USC; e Enrique Sáez Ponte, presidente da Fundación Juana de Vega.

Como é habitual, nesta mesa haberá un profesional de recoñecido prestixio internacional, que neste caso será Cristina Guedes, arquitecta portuguesa, docente e cofundadora do estudo menos é mais, con base na cidade de Porto.

O xurado avaliará aspectos como a calidade da intervención e a súa contribución á mellora da paisaxe; a incorporación de criterios de sostibilidade, uso racional dos materiais, estratexias de proximidade e economía circular. Tamén terá en conta a adecuación da intervención realizada aos usos previstos e a súa capacidade para converterse en referencia social.

As candidaturas poden ser presentadas polos autores, os promotores privados do proxecto ou por un terceiro, incluídas asociacións ou outras entidades que teñan coñecemento de intervencións que ao seu xuízo, poidan ser merecedoras dos galardóns. O xurado tamén poderá premiar proxectos que non se presentasen á convocatoria se os consideran merecedores do premio.

Admitiranse intervencións realizadas en Galicia e acabadas nos oito anos anteriores a 2024, é dicir, entre o 1 de xaneiro de 2015 e o 31 de decembro de 2023.

Un premio e dous accésits
A dotación económica do premio será de 6.000€ que, a criterio do xurado, poderán repartirse entre os autores e o promotor, non recibindo este último máis do 50% da cantidade. A maiores, poderán concederse dous accésits, dotados cada un deles con 1.500€.