A exposición "As mulleres e o mar. O traballo feminino nas industrias marítimas de Galicia. Séculos XIX e XX" organizada pola Cátedra Juana de Vega da Fundación Juana de Vega e a USC está a punto de finalizar a súa estadía no Museo do Mar de Galicia o próximo xoves, 6 de xuño, case dous meses despois da súa inauguración o 11 de abril.
O horario de apertura do museo é de martes a venres de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 e os sábados, domingos e festivos de 11:00 a 14:00 e 17:00 a 20:00h. O Museo do Mar de Galicia está situado na avenida Atlántica, 160.
Esta mostra é un tributo a todas aquelas mulleres traballadoras e loitadoras incansables que desde o século XIX e ao longo do XX estiveron vinculadas estreitamente ao mar e as súas industrias. É un relato colectivo de todas estas profesionais da pesca: redeiras, mariscadoras, regateiras, conserveiras...
Miles de mulleres traballaron nas industrias de transformación de peixe, participando no proceso de industrialización rexional introducíndose no mercado de traballo asalariado, pois foron a man de obra maioritaria das fábricas de salgadura e de conserva. As empresas recrutábanas polas aldeas e nas vilas do litoral. Eran traballadoras produtivas, flexibles, aínda que con salarios baixos, o que se adaptaba moi ben ás necesidades da industria nese momento da historia.
A exposición "As mulleres e o mar. O traballo feminino nas industrias marítimas de Galicia. Séculos XIX e XX" conecta de cheo cos obxectivos da Cátedra Juana de Vega que, ademais de estudar as iniciativas e os procesos modernizadores do agro galego, ten como misión facer visible o importante papel que as mulleres, de xeito case oculto e calado, desenvolveron ao longo da historia para favorecer o progreso económico e social da sociedade rural galega. "Neste caso, no eido da cadea de valor do mar, compatibilizándoo co traballo agrario para mellorar o sustento económico familiar”, como recordaba o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade, durante a presentación oficial o 20 de marzo no Pazo de Fonseca.