Última semana para presentarse ao Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe

Share
  • Este 2023 convocouse na categoría “Intervencións privadas no patrimonio construído e a súa contorna”.
  • O prazo finaliza o venres 30 de xuño de 2023.
  • O premio ten unha dotación económica de 6.000€ e o xurado poderá conceder dous accésits, valorados cada un en 1.500€.

A Escola Galega da Paisaxe Juana de Vega convocou neste 2023 o seu premio anual na categoría “Intervencións privadas no patrimonio construído e a súa contorna”. O seu obxectivo é recoñecer aqueles proxectos que contribúan a mellorar a calidade dos elementos que configuran a paisaxe de Galicia e sirvan de referencia social para futuras actuacións.

As candidaturas poden ser presentadas polos autores ou por un terceiro, incluídas asociacións ou outras entidades que teñan coñecemento delas. Só se admitirán intervencións que teñan por promotor a unha persoa física ou xurídica de natureza privada, realizadas en Galicia e finalizadas entre o 1 de xaneiro de 2020 e o 31 de decembro de 2022.

O prazo para a presentación de candidaturas finaliza o 30 de xuño de 2023 e o fallo do xurado darase a coñecer no último cuadrimestre do ano. Os aspectos que se valorarán serán a integración na contorna, a incorporación de criterios de sostibilidade, a economía no uso dos materiais e a posta en valor dos elementos construídos.

O premiado recibirá 6.000€ e, a criterio do xurado poderán concederse dous accésits, dotados cada un deles con 1.500€. Todos os galardoados recibirán, ademais, un diploma acreditativo.

Composición do xurado
O presidente será o arquitecto portugués, Gonçalo Byrne, e o secretario, o director da Escola Galega da Paisaxe Juana de Vega, Pedro Calaza Martínez, quen ademais é doutor Enxeñeiro Agrónomo e doutor Arquitecto da Paisaxe.

Pola súa banda, os vocais serán María Isabel Iglesias Díaz, doutora en Ciencias Biolóxicas e profesora titular do departamento de Produción Vexetal e Proxectos da Enxeñería da Universidade de Santiago de Compostela; Teresa Táboas Veleiro, doutora arquitecta e membro do Consello da Unión Internacional de Arquitectos; Covadonga Carrasco López, arquitecta en CREUSeCARASCO, con varios galardóns, entre eles o Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe, na categoría de vivendas unifamiliares e o Premio da Bienal de Venecia pola Remodelación do Porto de Malpica.

Tamén serán vogais Encarna Otero Cepeda, historiadora e membro do Padroado do Museo do Pobo Galego; Jesús Sánchez García, catedrático de Historia do Arte da Universidade de Santiago de Compostela e, por último, Enrique Sáez Ponte, presidente da Fundación Juana de Vega.

Consultar aquí a convocatoria

Premiados da edición 2020
O Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe consta de tres categorías que se convocan cada ano de forma rotativa. Na anterior edición 2020 da modalidade “Intervencións privadas no patrimonio construído e a súa contorna” foi premiado o proxecto de Recuperación do núcleo rural da Míllara e os seus viñedos (Pantón, Lugo), en plena Ribeira Sacra. Esta ambiciosa actuación foi desenvolta na súa totalidade por Viñedos do Miño e propietarios das distintas vivendas.

Os accésits foron para a posta en valor dos recursos paisaxísticos e arqueolóxicos do Castro de Doade e a súa contorna (Lalín, Pontevedra), da Asociación de Amigos do Museo Casa do Patrón; e para a rehabilitación da pensión para peregrinos Abeiro da Loba (Madelos, Sobrado dos Monxes, A Coruña) firmada por Estévez e González Arquitectos e promovida por Sabologal.