Turismo Rías Baixas acolle a exposición "A Esencia do Xardín: Leandro Silva" da Fundación Juana de Vega, ata o 21 de xuño

Share

A Sede de Turismo Rías Baixas presentou esta mañá a exposición a Esencia do Xardín: Leandro Silva, nun acto ó que acudiu a Deputada provincial Ana Isabel Vázquez xunto a Directora da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, Isabel Aguirre de Urcola. A mostra acolle ata o 21 de xuño o legado documental de un dos mestres máis destacados do paisaxismo español, Leandro Silva.

Aguirre de Urcola explicou que esta exposición nace a partir da doazón do chamado Legado Silva, que a súa viúva, Julia Casaravilla, fai á Escola Técnica Superior de Arquitectura da Politécnica de Madrid ETSAM en 2004, e que posteriormente foi cedida en copia á Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega. O Legado de Silva inclúe proxectos, fotografías, textos, anotacións, pinturas, trazos, pensamentos e outros documentos que contextualizan a traxectoria paisaxística do artista. En palabras de Aguirre, "se trata dun proxecto moi orgánico no que se plasman as curvas da natureza e toda a súa topografía. Leandro Silva era un gran amante das plantas, algo que se ve moi presente nos resultados, obras moi precisas e con gran detallismo".

Seguindo a liña da exposición, queda patente como Silva emprega diferentes formas de creación de camiños, muros, socalcos, lombas, etc; sendo vexetación, auga e os seus percorridos, elementos de gran importancia para entender o seu modo de traballar ademais de elementos de identificación cos xardíns árabes, lugares que exercen unha enorme influencia sobre a súa obra.

Actividade e liñas de influencia

A Escola Galega de Paisaxe da Fundación inclúe nesta exposición ademais de varios documentos do Legado de Silva e de outras obras e autores, un vídeo orixinal gravado no xardín persoal que Silva construíu, plantou e coidou en Segovia dende 1971 ata a súa morte, O Romeral de San Marcos, un xardín que vai ser o seu eido de experimentación e que é moi visitado en época de floración de lirios. A mostra tamén recolle unha entrevista televisiva, á que se lle deu un tratamento especial de recuperación debido ó seu estado de deterioro para mellorar a calidade de imaxes e son.

Ademais, a mostra repasa a forma de entender e de facer paisaxe que tivo Silva, as influencias de autores como Roberto Burle Marx e as súas principais obras, entre elas as realizadas en España, a rehabilitación do Real Xardín Botánico de Madrid, a súa obra mestra; o acondicionamento do Mosteiro do Parral en Segovia; e os xardíns da Torre Picasso en Madrid.

Todo isto convértese nunha gran mostra da actividade do artista uruguaio, participante en numerosos proxectos para entidades públicas e privadas, na actividade docente de distintas institucións e que combinou coa súa labor como artista plástico, centrado na pintura e no gravado.

A Fundación Juana de Vega

A actividade enmarcase dentro da programación da Escola Galega de Paisaxe da Fundación Juana de Vega. A Fundación, constituída en 1872 en honor á súa testamentaria co obxectivo de mellorar o nivel técnico das persoas que se dedican á agricultura, gandería e sectores derivados; ven realizando dende o ano 2003 unha serie de actividades formativas relacionadas coa paisaxe, tales como a organización de xornadas anuais sobre xardinería e paisaxismo, ou a colaboración con outras institucións para o desenvolvemento sostible do territorio.

A mostra achega diferentes documentos e vídeos que plasman as influencia que recibiu o gran paisaxista