Terceira reunión presencial do proxecto Soil&WineResidues na rexión do Baixo Alentejo

Share

Entre o 1 e o 3 de xuño, o equipo da Fundación Juana de Vega asistiu en Beja (Baixo Alentejo, Portugal) á 3ª reunión do consorcio Soil&WineResidues, organizada por CIMBAL, como socio anfitrión. Este encontro permitiu poñer en común os avances técnicos do proxecto e extraer unha conclusión relevante do traballo desenvolvido durante o último semestre no marco desta investigación aplicada: o sector vitivinícola recoñece a necesidade de evolucionar cara a modelos máis sostibles.

Durante o encontro tamén se constatou que esta transición non depende unicamente de solucións técnicas, senón tamén de formación, apoio institucional, redución das cargas burocráticas e un maior respaldo técnico, económico e legal.

Juan José Villaverde, investigador da Misión Biolóxica de Galicia - CSIC e coordinador científico do proxecto, destacou durante a reunión que a sostibilidade do sector vitivinícola require unha cooperación real entre os actores, coordinación institucional e solucións integradas que combinen a xestión sostible do solo, a redución de insumos, a eficiencia hídrica e a valorización de residuos.

As sesións de traballo sobre ecoeficiencia, innovación, posta en común de resultados, comunicación e planificación complementáronse con visitas técnicas ás adegas Cooperativa de Vidigueira, Cuba e Alvito, Herdade dos Grous e Herdade da Figueirinha, socio de Soil&WineResidues, que permitiron conectar os avances do proxecto coas necesidades reais do territorio. A implicación de CIMBAL resultou clave para vincular o traballo do consorcio co territorio do Baixo Alentejo.

Ademais, Soil&WineResidues estivo presente no GWTO Global Summit 2026, celebrado en Beja na mesma semana arredor do enoturismo responsable, co relatorio de Juan José Villaverde, quen impartiu a charla "Soil&WineResidues: Transformação sustentável do setor vitivinícola". Na súa intervención, presentou o proxecto desde a perspectiva da sostibilidade e da economía circular do sector vitivinícola, destacando o papel do enoturismo como unha ferramenta de valor para achegar estas prácticas sostibles ao territorio, reforzar a conexión coas persoas consumidoras e visitantes e favorecer a súa adopción por parte do sector.

Con esta terceira reunión presencial, Soil&WineResidues reforza o seu papel como espazo de cooperación transnacional para impulsar unha viticultura máis sostible, resiliente e aliñada cos principios da economía circular. A primeira reunión presencial foi a kick-off do 1-2 xullo de 2025 en Santiago de Compostela, e a segunda, 21 e 23 de xaneiro de 2026, na localidade de Clermont-Ferrand, sede do socio Université Clermont Auvergne (UCA).

O papel da Fundación Juana de Vega en Soil&WineResidues

No proxecto Soil&WineResidues, a Fundación Juana de Vega é o socio responsable da comunicación, difusión e explotación dos resultados. Ademais, achega o seu coñecemento na análise dos problemas e desafíos do sector vitivinícola, adquirido a través de ECOSPHEREWINES, así como para a implementación dunha metodoloxía orientada á mellora da calidade e da saúde do solo e á xestión adecuada dos residuos lignocelulósicos do sector vitícola.