O domingo 24 de setembro, a Fundación Juana de Vega volveu ao Courel (Lugo) convidada pola Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel para participar como relatores nas I Xornadas de Desenvolvemento Rural na serra do Courel “Do imposible ao Posible”.
Nuria Freire e Daniel Canosa, do equipo técnico da Fundación Juana de Vega, coñecedores da comarca grazas a outras dinámicas de participación realizadas na zona, abriron a xornada cun 𝑠𝑝𝑒𝑒𝑑 𝑑𝑎𝑡𝑖𝑛𝑔 con emprendedores locais para axudarlles a crear redes de colaboración en base aos valores do territorio. Antes, presentouse o servizo do Polo de emprendemento e apoio ao emprego Montaña lucense (Xunta de Galicia).
O 𝑠𝑝𝑒𝑒𝑑 𝑑𝑎𝑡𝑖𝑛𝑔, ou citas rápidas, é unha técnica empregada tamén para fomentar as relacións entre profesionais ou networking. Consiste en que, nun curto período de tempo, un gran número de persoas conversa de ti a ti, facilitando así ese primeiro contacto.
Albarizas de traballo
Nestas I Xornadas de Desenvolvemento Rural na serra do Courel houbo moito interese na actividade, logrando xuntar unhas 40 persoas neste domingo pola mañá. Durante dúas horas, algo máis do previsto inicialmente, fixéronse cinco rotacións e despois, dúas “albarizas” de traballo, cunha exposición de conclusións por parte de dous portavoces elixidos entre o grupo.
O resultado foi un DAFO (unha análise na que se recolleron as Debilidades, Ameazas, Fortalezas e Oportunidades) e algunhas propostas concretas para crear rede.
En xeral, a boa actitude dos emprendedores fixo que esta fose unha dinámica divertida e productiva. En concreto, no speed dating os participantes estaban moi implicados, xa que moitas persoas acudiron, precisamente, buscando a posibilidade de coñecer xente para colaborar. “Nese sentido pensamos que foi unha dinámica útil”, valoraron os técnicos da Fundación Juana de Vega.