SoutoLAB reúne preto de 60 participantes para impulsar a xestión sostible e a valorización dos soutos tradicionais en Valdeorras e Terra de Trives

Share

O proxecto SoutoLAB, impulsado pola Fundación Juana de Vega coa colaboración dos concellos do Barco de Valdeorras, Manzaneda, San Xoán de Río e A Pobra de Trives, o apoio da Deputación de Ourense e o financiamento da Fundación "la Caixa", concluíu o seu primeiro ciclo de xornadas formativas coa participación de preto de 60 persoas repartidas entre as tres sesións celebradas durante o mes de xullo.

As actividades reuniron en cada sesión entre 15 e 20 asistentes, entre propietarios e xestores de soutos, produtores de castaña, persoal técnico de administracións, representantes municipais, asociacións, investigadores e persoas interesadas na conservación e valorización deste patrimonio. O obxectivo foi crear un espazo de encontro para compartir coñecementos, dar visibilidade a experiencias de éxito e promover novas oportunidades de desenvolvemento ligadas aos soutos tradicionais.

Xestión produtiva dos soutos: multifuncionalidade, resiliencia e oportunidades

As dúas primeiras xornadas, celebradas no Barco de Valdeorras, estiveron dedicadas á xestión produtiva dos soutos e ás oportunidades que ofrecen como sistemas multifuncionais.

A primeira sesión combinou relatorios técnicos cunha visita ao Souto de Alixo. Daniel Canosa, da Fundación Juana de Vega, abriu a xornada cunha intervención sobre os soutos como infraestruturas verdes de protección das aldeas, abordando a análise cartográfica e a súa contribución á prevención de incendios forestais. A continuación, Marcos Reinoso, da Asociación Galega de Custodia do Territorio, presentou o papel da custodia do territorio na conservación do patrimonio asociado aos soutos e ao ecoturismo. A xornada concluíu cunha visita técnica ao Souto de Alixo, dirixida polo propio Reinoso, centrada na avaliación de danos tras os incendios, a restauración, o manexo silvícola e a sanidade vexetal.

A segunda xornada afondou na valorización económica e social destes espazos. A sesión comezou cunha presentación de Fran García, da Fundación Juana de Vega, sobre a cultura da castaña como patrimonio vivo, seguida pola intervención de Francisco Magide, quen presentou a experiencia da Agrupación de Xestión Conxunta de Parada de Sil como exemplo de xestión colectiva e dinamización do territorio. Pechou a xornada Julián Alonso, da Sociedade Micolóxica Lucus, analizando o potencial da micoloxía e doutros aproveitamentos complementarios como ferramentas para diversificar a actividade económica dos soutos e reforzar a súa conservación.

O patrimonio cultural da castaña: memoria e paisaxe

O ciclo concluíu na Pobra de Trives cunha xornada dedicada ao patrimonio cultural da castaña, na que se puxo o foco na dimensión histórica, cultural e territorial dos soutos tradicionais.

A sesión comezou coa intervención de Fran García, da Fundación Juana de Vega, quen presentou a cultura da castaña como un elemento vertebrador da paisaxe e da identidade rural. A continuación, Vanesa Garrido, da Asociación Galega das Castañas e dos Soutos, realizou unha caracterización agroprodutiva da comarca de Trives, abordando a evolución do sector e as súas oportunidades de futuro. Posteriormente, Martiño Vázquez, da Oficina Técnica do Concello de Vilar de Barrio, expuxo o papel que poden desempeñar as oficinas técnicas no impulso de proxectos de desenvolvemento rural en pequenos municipios.

A xornada concluíu cunha visita interpretativa aos sequeiros de Pena Folenche, guiada por Martiño Vázquez coa participación da veciñanza local. Durante o percorrido analizáronse a arquitectura tradicional dos sequeiros, as técnicas históricas de secado da castaña, a memoria oral vinculada a estes espazos e as oportunidades para a súa conservación e valorización. A actividade permitiu ademais iniciar o rexistro de elementos que formarán parte do futuro Inventario Cultural de SoutoLAB, unha das liñas de traballo do proxecto para documentar e poñer en valor este patrimonio singular.

O primeiro ano de SoutoLAB

Estas actividades poñen o broche ao primeiro ano do proxecto, no que se implementou unha dinámica de traballo colaborativa entre a Fundación Juana de Vega, a Deputación de Ourense e os concellos do Barco de Valdeorras, Manzaneda, San Xoán de Río e A Pobra de Trives. Isto favoreceu o intercambio de coñecemento entre persoal técnico, especialistas e axentes locais.

As accións postas en marcha durante este ano contribuíron a reforzar a visión do souto como un sistema tradicional de alto valor ambiental, económico, social e patrimonial. Así mesmo, o traballo desenvolvido permitiu consolidar unha rede de colaboración territorial e xerar unha base de coñecemento compartido que orientará as seguintes etapas do proxecto, ata abril de 2028.

O elevado grao de participación e implicación das entidades colaboradoras e das persoas asistentes confirma o interese da iniciativa e fortalece o potencial de SoutoLAB como un espazo de innovación, aprendizaxe e transferencia para a valorización e recuperación dos soutos tradicionais.