SoutoLAB abre espazos de diálogo arredor da cultura da castaña

Share

O proxecto SoutoLAB avanza no seu traballo sobre o territorio coa organización dunha serie de encontros participativos nos catro concellos ourensáns participantes: O Barco de Valdeorras, Manzaneda, San Xoán de Río e A Pobra de Trives. A iniciativa, impulsada pola Fundación Juana de Vega, ten como obxectivo revitalizar a cultura da castaña como recurso clave para o desenvolvemento rural nas comarcas de Valdeorras e de Terra de Trives, as cales teñen unha forte tradición vinculada á castaña, albergando o 20% dos soutos de Galicia.  

Os encontros que se están a desenvolver nos catro concellos constitúen unha das primeiras fases do proxecto, na que os propios concellos están a xogar un papel esencial á hora de mobilizar aos diferentes axentes da cadea de valor, como as persoas propietarias dos soutos e as representantes de entidades sociais.

Nestas sesións realízanse dinámicas para compartir visións, coñecementos e expectativas arredor dos soutos e a cultura da castaña. Esta fase busca identificar os soutos existentes, analizar o seu estado actual e o seu valor patrimonial, así como recoller as principais necesidades e prioridades do territorio.

Baixo a coordinación do equipo técnico da Fundación Juana de Vega, integrado polos técnicos da Área de Desenvolvemento Rural Fran García e Adrián Sánchez, nos obradoiros abórdanse cuestións relacionadas co potencial produtivo da castaña e coas oportunidades económicas e sociais vinculadas a este recurso.

A Pobra de Trives, punto de partida do proceso participativo

A Pobra de Trives acolleu o primeiro destes obradoiros o pasado 5 de marzo, marcando o inicio do proceso. A xornada, facilitada polo concelleiro de Cultura e Patrimonio, José Luis Vidal, permitiu establecer contacto coas persoas participantes e analizar de forma conxunta a situación dos soutos no municipio.

Encontro en San Xoán de Río

San Xoán de Río foi o seguinte concello en acoller un destes espazos colaborativos, cunha xornada celebrada o 14 de abril, co respaldo do alcalde Xosé Miguel Pérez Blecua. Participaron un total de quince persoas, entre veciñanza e profesionais do sector, para avanzar na análise do estado dos soutos, o seu potencial produtivo e as posibilidades reais que ten a castaña para xerar actividade e fixar poboación nestas comarcas.

Durante as vindeiras semanas, celebraranse as reunións nos concellos de O Barco de Valdeorras e Manzaneda.

Sobre o proxecto SoutoLAB

SoutoLAB é un living lab rural, un espazo de co-creación baseado na colaboración entre a veciñanza, administracións, sector produtivo, comunidade científica e entidades sociais, que combina coñecemento técnico e saberes tradicionais para deseñar estratexias de aproveitamento dos soutos a nivel económico, social e ambiental.

No proxecto participarán máis de 220 persoas, especialmente mulleres, xente nova e habitantes das aldeas, para identificar oportunidades, impulsar novas iniciativas e xerar resultados concretos como inventarios de patrimonio, modelos de negocio e ferramentas que poidan ser replicadas noutras zonas rurais de Galicia.

O proxecto está financiado pola Fundación “la Caixa” e a Deputación de Ourense.