O consorcio de DOWN TO EARTH, do que forma parte a Fundación Juana de Vega, acaba de publicar, nos sete idiomas do proxecto, o seu segundo boletín de actividades. Con esta newsletter conclúe o primeiro ano de actividade e presentan os resultados dos últimos 6 meses sobre a temática de traballo 2023: "Riscos ambientais relacionados co despoboamento e o envellecemento da poboación nas zonas rurais". En concreto, as noticias están relacionadas co informe temático e os informes rexionais, a conferencia temática, as visitas de estudo a Molisse (Italia) e a Patras (Grecia Occidental) ou as reunións cos axentes referentes no territorio.
Neste segundo boletín tamén se fai un avance dos eventos organizados para os próximos meses entre os que destaca a visita de estudo a Neckar-Alb, en Alemaña, do 4 ao 6 de xuño.
Os idiomas nos que está dispoñible o boletín son inglés, español, alemán, grego, italiano, rumano e esloveno, que se corresponden cos países das entidades socias. Nesta ligazón pódese consultar o consorcio de DOWN TO EARTH.
Obxectivo de traballo
O proxecto DOWN TO EARTH, cofinanciado polo programa Interreg Europe 2021-2027, está impulsando a cooperación de Galicia con outras rexións europeas para identificar e promover políticas e instrumentos que permitan xestionar, manter e mellorar o capital natural das zonas rurais e reducir o risco e o impacto dos desastres ambientais como os incendios forestais, xerando ao mesmo tempo oportunidades económicas e sociais que atraian poboación ás zonas rurais. Conta cun orzamento de 1,65 millóns de euros, dos cales algo máis de 450.000€ serán mobilizados en Galicia. O periodo de execución é de marzo de 2023 a maio de 2027.