Rosa Mª Covelo, de Aloumiños da Terra: “Nunca pensei chegar ao punto no que está agora o meu proxecto”

Share

Entrevistamos a beneficiarios do Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias da Fundación Juana de Vega para saber que lles achegou a súa participación, por que o recomendan e en que fase se atopa agora o seu proxecto. Comezamos con Rosa Mª Covelo, promotora de Aloumiños da Terra, un proxecto de horta sostible localizado en Ponteareas, Pontevedra.

Que é Aloumiños da Terra?
Aloumiños da Terra é un proxecto de horta sostible no que o produto estrela é o allo. Despois de varios anos cultivando, dinme conta de que o allo que sae desta terra é especial: é un allo que non repite, ten todo o seu sabor, pero é suave.

Despois de pasar polo Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias da Fundación Juana de Vega, deille un punto máis ao allo e empezamos a transformalo en allo negro. Fixemos as primeiras probas e descubrimos que é un produto cun sabor moi especial.

Ademais do allo, outra parte moi importante da horta son as plantas aromáticas para infusión: lavanda, romeu, loureiro, salvia… Ademais, fixen diferentes combinacións de aromáticas para distintos usos. Chameinas San Blas (pensada para os meses fríos), Aloumiños (para o equilibrio e o coidado diario) e Amoriños (para momentos de calma).

 

Que che achegou participar no Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias da Fundación Juana de Vega?
Antes de nada, axudoume a poñer os pés na terra. Cando un empeza cun proxecto de horta, ou cun proxecto en xeral, intenta abranguelo todo. Co programa centreime e decateime de ata onde podía chegar, grazas á axuda dos profesores.

Ademais, é un proxecto que estou levando en solitario, polo que o programa me fixo ser consciente de que non podo abranguelo todo. O programa tamén me axudou a poñer en valor a filosofía do proxecto: o respecto pola terra e a contorna, o coidado dos ecosistemas e o compromiso coa saúde das persoas.

E unha cousa moi bonita que me pasou durante este proxecto é que ata eu mesma me dou conta da miña evolución. É coma se o proxecto medrase ao mesmo tempo que medraba eu como persoa. Achegoume máis confianza en min mesma, foi unha evolución en paralelo.

 

Cales son os aspectos que máis valoras?
A sinceridade. Neste programa non se fala por falar. Axúdache a centrarte, a decatarte das túas posibilidades reais e a intentar que o proxecto sexa rendible.

Tamén valoro moito a formación, xa que é moi difícil conseguir formación desta calidade se non a pagas. A parte comercial e de márketing é esencial para poñer en marcha os proxectos. Porque non se trata só de ter unha idea, senón de levala a cabo e saber como facelo.

 

Recibiches o III Premio Juana de Vega ao Emprendemento Agroalimentario. Como estás aproveitando as 30 horas adicionais de asesoramento e acompañamento?
Estamos traballando especialmente no márketing. O meu produto é moi especial, pero necesito que a xente vexa o especial que é. Todo entra primeiro polos ollos e, por iso, buscaba unha imaxe aliñada co proxecto. Conseguimos un resultado moi bo co packaging, esteticamente moi coidado e elegante. Realmente, nunca pensei chegar ata o punto no que estou agora.

 

Recomendas o programa? Por que?
Absolutamente. De primeiras, cando ves a información na web, podes pensar que é un programa máis, pero despois de pasar por el, podo asegurar que non o é. É moi intenso e completo, e valoro moito o equipo de profesionais que o compoñen.

Recoméndoo porque ti podes ter unha idea, pero non tes por que ter percorrido. O programa axúdache a que esa idea non sexa só un soño, senón que poida converterse nunha realidade.

 

En que momento se atopa o teu proxecto? Cales son os próximos pasos?
Estamos rematando o packaging e o seguinte paso é darlle valor de mercado a ese produto e empezar a lanzalo, buscando posibles clientes. Non só o cliente final, senón tamén tendas gourmet, restaurantes e outros establecementos.

Ademais, vou facer unha presentación pública do meu proxecto e do meu produto. Será o 21 de novembro no restaurante Catavento, en Ponteareas, preto de onde está a miña horta. Elaboraranse varios pratos nos que o ingrediente destacado será o allo negro de Aloumiños da Terra, para dalo a coñecer e conectar o produto local coas posibilidades que ofrece a cociña cun allo destas propiedades.