Oleiros, 13 de decembro de 2017.-
Representantes do movemento ecoloxista, da ordenación do territorio, do paisaxismo, investigación, universidade, partidos políticos, asociacións forestais e industria da madeira reuníronse onte, convocados pola Fundación Juana de Vega e o Clúster da Madeira e ou Deseño de Galicia, para celebrar unha intensa e respectuosa xornada de traballo co obxectivo de alcanzar un consenso de todos os axentes implicados no sector da madeira que consiga poñer en valor o monte e facelo sustentable social, económica e medioambientalmente.
A xornada contou cunha primeira parte expositiva na que a Universidade e as asociacións que xestionan o territorio, a industria e a economía circular perfilaron un sector que xera riqueza no rural, dando emprego a 80.000 persoas de toda a xeografía galega.
As primeiras conclusións alcanzadas centráronse na problemática do abandono e como este só se pode combater, a través da xeración de valor e emprego de calidade no rural. Neste sentido, o sector forestal é determinante debido a que distribúe máis de 300 millóns de euros cada ano entre miles de familias galegas. Nesta liña, un dos primeiros consensos alcanzados é a necesidade dun futuro para o medio rural baseado na xeración de valor e o recoñecemento social.
No marco deste foro reivindicouse tamén, de maneira unánime, a sustentabilidade social, ambiental e económica rompendo coa falsa dicotomía produción e medioambiente.
O encontro celebrado o 12 de decembro trátase dun punto de partida para achegar posturas entre os diferentes axentes, quen se mostrou satisfeitos e ilusionados co desenvolvemento desta primeira reunión.
Neste sentido, e animados polo Director Xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández Couto, e o Director da Axencia da Industria Forestal, José Ignacio Lema, encargados de clausurar este encontro, serán convocados os mesmos axentes a unha próxima reunión, pasadas as festas do Nadal na sede da Fundación Juana de Vega, coa finalidade de chegar ao desexado consenso que fixe un futuro mellor para o monte galego.