José Manuel Andrade Calvo, director da Fundación Juana de Vega, abriu esta mañá a segunda xornada do XIV Foro do Albariño: simbiose coa contorna e enoturismo fronte ao novo escenario global cunha ponencia na que presentou os principais datos do Informe sectorial "Viño, territorio e valor: o impacto económico das DOP vitivinícolas de Galicia", elaborado pola Fundación Juana de Vega.
"O viño galego non é só un produto económico; é unha expresión do país, unha linguaxe que fala de paisaxes, de comunidades e de formas de vida que buscan futuro sen renunciar á súa memoria", defendeu. Durante a súa intervención, lembrou a importancia estratéxica do sector vitivinícola de Galicia a través das 5 DOP (Rías Baixas, Monterrei, Valdeorras, Ribeira Sacra e O Ribeiro), destacando en particular, que:
- Aporta o 1,87% do PIB e o 3,1% do emprego das comarcas vitivinícolas.
- Ten un elevado impacto no enoturismo, tanto como elemento de dinamización territorial como económica. Só na DOP Rías Baixas xera 13 M€ anuais.
En canto aos desafíos estruturais aos que se enfronta, referiuse a:
- Sostibilidade e cambio climático.
- Relevo xeracional.
- Caída do consumo, en particular do viño tinto.
- Necesidade de políticas públicas diferenciadas para atender os retos estruturais de cada DOP.
Na sección Publicacións da nosa web podes descargar o Informe sectorial "Viño, territorio e valor: o impacto económico das DOP vitivinícolas de Galicia" >> https://juanadevega.org/publicacions/vino-territorio-e-valor-o-impacto-economico-das-dop-vitivinicolas-de-galicia
O XIV Foro do Albariño forma parte do programa da Universidade de Verán da Universidade de Santiago de Compostela. Dirixido a público profesional e alumnado universitario e de ensinanzas secundarias, tivo lugar na adega Terras de Asorei (Meis, Pontevedra) o 25 e 26 de xuño de 2026.
