Publicada a sétima newsletter do proxecto DOWN TO EARTH

Share
O último boletín do proxecto europeo DOWN TO EARTH, do que é socia a Fundación Juana de Vega, xa está dispoñible para consulta na seguinte ligazón: https://mailchi.mp/institute-urbanex/down-to-earth-semester7-es

Neste sétimo número recóllese o evento de difusión celebrado a principios de xullo para compartir as principais leccións aprendidas durante os tres anos de implementación de DOWN TO EARTH en Galicia, unha das rexións socias. A xornada marcou tamén o lanzamento de EIRA (Espazo de Innovación Rural Aplicada), unha iniciativa colaborativa baseada nos intercambios e nos resultados de investigación do proxecto.

Entre as boas prácticas das rexións socias destacan dúas iniciativas galegas: a Plataforma Territorio Intelixente de Galicia e o proxecto Caprif-CC: Comunidades activas e paisaxes resilientes aos incendios forestais, liderado pola Fundación Juana de Vega.

No apartado de eventos recóllese o encontro cos stakeholders galegos celebrado o 20 de maio. Estas reunións periódicas con persoas expertas locais, autoridades e profesionais do sector ofrecen valiosas perspectivas baseadas no coñecemento local sobre como cada rexión aborda a mitigación do cambio climático, afronta os retos do despoboamento e converte os obxectivos xerais das políticas públicas en accións concretas.

Xa por último, a través do boletín os lectores tamén teñen acceso ao terceiro "Informe temático conxunto: Boas prácticas para fomentar o papel dos agricultores e xestores de terras na loita contra o cambio climático" e a informes anteriores. No documento analízase como os obxectivos climáticos europeos e nacionais se traducen en marcos operativos que permiten ou limitan a capacidade de acción dos agricultores sobre o terreo. Despois, adoptando un enfoque analítico-político orientado ás boas prácticas, o informe ofrece conclusións prácticas baseadas nas experiencias das rexións socias.