Preséntase neste informe unha breve análise dos principais datos das catro D.O.P. galegas de queixos (Queixo Tetilla, Arzúa-Ulloa, Cebreiro e San Simón da Costa) desde o ano 2011 ata o ano 2022. Estes proveñen das fichas técnicas das propias Denominacións, publicadas pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), dependente da Consellería do Medio Rural, e do informe “Datos de las Denominaciones de Origen Protegidas (D.O.P.), Indicaciones Geográficas Protegidas (I.G.P.) y Especialidades Tradicionales Garantizadas (E.T.G.) de Productos Agroalimentarios. Año 2022” do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA).
O número de explotacións, cabezas de gando e operadores non se pode presentar de forma conxunta, xa que motivado polo ámbito xeográfico da D.O.P. Queixo Tetilla (todo o territorio galego), hai explotacións e operadores industriais que poden entregar leite e fabricar queixos para dúas D.O.P. Por exemplo, nunha consulta realizada para a elaboración da Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo de Galicia á AGACAL no ano 2020, operaban baixo estas marcas de calidade diferenciada 46 empresas, das cales, 20 estaban certificadas en dúas D.O.P.