A heteroxeneidade das condicións naturais que estruturan a paisaxe de Galicia e dos diferentes contextos socioeconómicos e culturais, orixina unha gran diversidade de sistemas de organización agraria, o cal se traduce nunha gran riqueza cultural e etnográfica. Entre os elementos que forman parte desta organización cómpre salientar as liñas estruturais que crean os valados por presentaren unha evidencia dos patróns antigos de organización dos asentamentos e do espazo agrícola. Aínda que os valados son estruturas sinxelas e aparentemente de baixo impacto, a estrutura territorial fragmentada característica de Galicia convérteos en construcións moi frecuentes, de aí o seu importante papel na configuración da paisaxe.
A guía desenvolve dúas liñas de traballo que se poden trasladar a dous obxectivos específicos. Por unha banda, realízase unha caracterización dos valados tradicionais, ata chegar á identificación daqueles máis representativos de cada comarca paisaxística, á que se engade a análise das dinámicas e tendencias actuais. Por outra banda, inclúense conceptos e criterios e integración paisaxística que permitan acoutar aproximacións metodolóxicas para o tratamento dos valados por parte de técnicos especialistas, propietarios, produtores do sector primario ou calquera persoa interesada.
A súa edición enmárcase dentro do ámbito da Estratexia da Paisaxe Galega co obxectivo de poñer en valor os valados tradicionais e aportar recomendacións á construción de novos valados integrados na paisaxe, constituíndo unha ferramenta que pretende contribuír ao mantemento e dinamización da vida rural, na que os valados son estruturas útiles en explotacións vivas e integradas na súa contorna.