SoutoLAB | Laboratorio rural para revitalizar a cultura da castaña nas comarcas de Valdeorras e Terra de Trives

As comarcas ourensás de Valdeorras e Terra de Trives concentran unha parte significativa dos soutos de Galicia e atesouran unha longa tradición vinculada á cultura da castaña. Porén, nas últimas décadas este sistema socioeconómico sufriu un progresivo deterioro debido ao abandono rural, ao envellecemento da poboación e á baixa rendibilidade dos modelos produtivos tradicionais. Como consecuencia disto, moitos soutos deixaron de xestionarse, o que deriva en perda de biodiversidade, aumento do risco de incendios forestais e erosión do patrimonio cultural asociado á identidade do territorio.

Para dar resposta a este reto nace SoutoLAB. Trátase dun laboratorio rural que pretende transformar o souto tradicional nun espazo de innovación. Para iso, combina coñecemento local, investigación e emprendemento co obxectivo de poñer en valor a castaña desde unha perspectiva social, ambiental e económica.

O proxecto desenvólvese nos municipios de O Barco de Valdeorras, Manzaneda, San Xoán de Río e A Pobra de Trives, unha zona cunha forte identidade cultural e gran potencial de desenvolvemento, xa que concentra o 20% dos soutos de Galicia.

SoutoLAB é un espazo participativo onde traballarán xuntas empresas e comunidades locais vinculadas ao aproveitamento da castaña, administracións públicas, comunidade científica e asociacións, para poñer en marcha iniciativas compartidas e adaptadas á realidade do territorio. Participarán máis de 220 persoas, especialmente mulleres e xente nova, para idear novas estratexias e oportunidades arredor da cultura da castaña.

A relevancia do proxecto radica na súa capacidade para abordar de maneira integral os desafíos do medio rural: vai máis alá da recuperación dun cultivo tradicional, poñendo en marcha unha estratexia de desenvolvemento baseada nos recursos locais e reforzando o vínculo entre comunidade, paisaxe e economía.

Quen somos?
A Fundación Juana de Vega é a entidade coordinadora de SoutoLAB, en estreita colaboración cos concellos de O Barco de Valdeorras, Manzaneda, San Xoán de Río e A Pobra de Trives.

Como imos acadar os nosos obxectivos?
SoutoLAB formula un modelo de traballo baseado na participación activa e na innovación aplicada ao medio rural, áreas nas que a Fundación Juana de Vega ten ampla experiencia e coñecemento. O proxecto integra coñecemento técnico e saberes tradicionais, implicando directamente ás persoas e entidades vinculadas á cultura da castaña.

O obxectivo é desenvolver solucións sostibles e adaptadas, que axuden a xerar novas oportunidades económicas, reforzar a xestión da paisaxe e fortalecer as capacidades do sector produtivo.

SoutoLAB estrutúrase en tres fases complementarias:

  1. Inmersión: nesta primeira etapa traballarase directamente coas veciñas e veciños, para coñecer en profundidade o territorio. Organizaranse entrevistas, encontros e obradoiros participativos, ademais de identificar o patrimonio cultural asociado á castaña e localizar soutos en uso ou con potencial de recuperación.
  2. Co-creación: a partir deste coñecemento, poñeranse en marcha espazos de encontro entre persoas maiores, xente nova e mulleres, para compartir saberes e xerar novas ideas. Desenvolveranse obradoiros para deseñar modelos de negocio vinculados á castaña e crearase un espazo dixital para divulgar información, á disposición de todos os axentes implicados. Tamén se explorarán novos usos dos soutos relacionados co lecer, o turismo e a calidade de vida.
  3. Diseminación: na fase final darase visibilidade ao traballo realizado mediante xornadas, eventos e actividades abertas ao público. Realizarase un inventario de casos de boas prácticas, poñerase en marcha un programa de educación ambiental para centros escolares e impulsaranse modelos de xestión sostible con asociacións locais.

Todas estas accións desenvólvense de forma coordinada en tres ámbitos: o ambiental, o social e o económico, entendendo os soutos como espazos que xeran valor en todos eles.

Cal é o papel da Fundación Juana de Vega neste proxecto?
A Fundación Juana de Vega exerce a coordinación do proxecto, liderando o seu deseño estratéxico, a articulación de alianzas e a implementación das accións. A súa experiencia en desenvolvemento rural, innovación territorial e xestión de proxectos colaborativos resulta clave para impulsar un modelo de gobernanza participativa e garantir a coherencia da iniciativa.

Programa financiador
O proxecto conta co apoio da Fundación "la Caixa” e a Deputación de Ourense.

Duración
01/01/2025 - 31/12/2027 (36 meses)

Orzamento total
124.207,94€