Os faladoiros da Cátedra Juana de Vega son espazos de discusión e debate abertos arredor dun tema ou un problema importante do presente e do pasado que queremos analizar en toda a súa dimensión e con toda libertade pero con todo o rigor, enlazando o coñecemento e a perspectiva universitaria co coñecemento e a perspectiva profesional e dos sectores implicados. Concíbese pois como unha ponte e un punto de encontro.
O 3 de marzo de 2016 terá lugar na Fundación un novo faladoiro sobre a Socioloxía do leite; para falar das persoas e dos actores que o producen: do asociacionismo e dos modelos e formas de asociación; de como se organizan os leiteiros, desde a familia e a parroquia até o ámbito galego, estatal e europeo.
Como se agrupan? como se relacionan co poder e cos poderes, coa política? cos medios de comunicación? Como se relacionan co resto da sociedade? como se dirixen ou se comunican con ela? como protestan e reclaman? Como entenden a súa responsabilidade social (ou corporativa)?
Os obxectivos deste faladoiro son:
- Discutir as formas de organización e asociación do sector leiteiro galego en comparación con outros países europeos.
- Analizar as mudanzas producidas nas últimas décadas e en que medida afectaron á evolución social, política e económica do sector. Tamén o que non mudou.
- Debater sobre as novas formas de representación e organización que están a aparecer e as razóns da mudanza.
- Entre a herdanza e o cambio, de que leiteiros falamos: labregos, gandeiros, empresarios?
- Oportunidades do sector leiteiro en Galicia como actor social e político, ademais de como actor económico.
- Que lle piden os leiteiros á sociedade galega e que lle pide a sociedade aos leiteiros?
Relatores
- Cesar Rech: Asociacións e organización no leite. O modelo irlandés e o noso.
- Carin Martin: A evolución da agricultura e o leite en Suecia no século XX. Os modelos de organización e asociación.
- Xoan Carlos Carreira: A mudanza das formas de organización e asociación no sector leiteiro desde 1975 até hoxe.
O Seminario realizaráse en formato de debate a porta pechada, con 20/25 asistentes convidados. Toda a sesión será emitida por streaming en juanadevega.org.
CC Fotografía: Marcos Loopez